ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
O grupo pontés Muxarega celebra o vindeiro sábado, 8 de maio, un concerto para conmemorar os seus quince anos sobre os escenarios. O recital, que terá lugar no auditorio municipal Alovi, dará comezo ás 20.00 horas e contará coa participación, non só dos compoñentes actuais da formación, senón tamén dos fundadores e antigos membros do grupo folk pontés.
Muxarega aproveitará este concerto aniversario para presentar os temas do seu primeiro disco, “8 soños”, que está a piques de saír ao mercado. Ademais, nunha segunda parte do recital, fará un repaso do repertorio do grupo dende as súas orixes, partindo do folk máis intrumental, ate a actualidade, coa evolución que supuxo a introducción de novos ritmos e instrumentos, ademais da relevancia que foron acadando nos últimos anos as pezas cantadas e os temas de composición propia.
Paula Ramos (voz e percusión), Luís Pita (batería e percusión), Ana Ledo (gaita e percusión), Andrés Penabad (acordeón), Miguel Ferreiro (guitarra acústica e bouzuki), Carolina Leal (gaita e frauta traveseira), Roberto Ferreiro (banjo e mandolina) e Iago Pena (baixo eléctrico) integran a formación actual de Muxarega. De todos os xeitos, no festival do vindeiro sábado, subirán tamén ao escenario do Alovi outros dezaseis músicos que formaron parte da historia do grupo.
Muxarega naceu a finais de 1994 da man de oito músicos de As Pontes, integrantes de diferentes colectivos musicais da vila, aínda que non foi ata o 5 de maio de 1995 cando a formación se presentou diante do gran público. Pepe Fresco, Hugo Arias, Xurxo Iglesias, Manolo Seijo, Verónica López, Sandra Bellas, Obdulia García e Susana Rodríguez foron os encargados de dar vida a este proxecto musical que, a día de hoxe, quince anos despois, continua a gozar de moi boa saúde