Na bisbarra hai máis cabalos dos que se pensa

Fernando Beceiro dirixe a Escola de equitación Belelle.
28 de Setembro, 2020 - 11:47 h. | Publicada por Radio Fene

A escola de equitación Belelle revive despois da Covid19 e xa recuperou cen xinetes dispostos a montar e a saltar, especialidades que se practican na escola de Neda, en funcionamento desde 1994.

ESCOITA O PODCAST:

A escola de equitación Belelle encóntrase no lugar de Os Pazos, concello de Neda, na faldra da montaña sobre o río Belelle e a mil metros da casa do concello. Naceu en 1994 e pronto se convertiría nun referente da hípica a nivel comarcal. A súa especialidade é o salto de obstáculos, desde o nivel da iniciación. Concursan a nivel autonómico na Coruña, Vigo ou Mondariz e ocasionalmente saen fora, a Asturias ou Zamora, zonas de moita tradición cabalar. A propia escola organiza tamén concursos a nivel social para incentivar ao propio alumnado.

A escola Belelle ten os seus propios cabalos e ponis pero tamén se encarga da pupilaxe dos cabalos particulares e da súa doma e adestramento, para o paseo ou para o salto. Nos primeiros anos, afirma o seu director Fernando Beceiro, organizaban rutas a cabalo “pero os camiños están moi descoidados e non ofrecen garantías, así que hai catro anos deixamos de facelas” . A mesma sorte correu a equinoterapia porque complicouse administrativamente a súa práctica.

O contacto co animal, a responsabilidade de coidalo, a práctica deportiva e o contacto de grupo son valores a ter en conta no mundo da equitación, explica Beceiro, quen o pasou mal durante o confinamento. “Perdimos a todos os alumnos” Ao cabo de 15 días conseguiron permiso para que os particulares poidesen ir mover os seus cabalos, aínda que non montalos. A Covid19 fixo que economicamente o pasaran mal porque tamén perderon a temporada da Granxa Escola, que xestionan paralelamente á de equitación, e que vive o momento máis álxido na primavera. Como despois da tempestade ven a calma, a Escola de equitación Belelle vaise recuperando e a dia de hoxe son 100 os xinetes matriculados. “ Dí Fernando que “este é o momento de inscribirse e algunha praza aínda queda”.

A Granxa Belelle é un espazo paralelo onde os nenos e nenas acuden, en grupos escolares ou en familia, para familiarizarse cos animais da granxa e con algúns mais exóticos. “O dromedario é o que máis lles chama a atención polo do seu tamaño”. Montar un poni, facer pan no obradoiro ou plantar na horta son actividades programadas nas visitas sempre guiadas por un monitor.

Volvendo aos cabalos, afirma Beceiro que a afección por eles é común en toda a bisbarra “hai máis cabalos do que se pensa” e que quizás Moeche sexa o epicentro de toda a zona.

Deportes

Publica o teu comentario agora