Na Pysbe e en Hispania

Na Pysbe e en Hispania
23 de Setembro, 2021 - 01:08 h. | Publicada por Radio Fene

A Agrupación Socialista de Ferrol lamenta profundamente o falecemento de Manuela Rodríguez García, Manola, referente socialista e da loita pola defensa das traballadoras en Ferrol, comprometida cos dereitos sociais e a igualdade e vinculada ás principais reclamacións laborais de Ferrol. Manola Rodríguez (1946) traballou primeiro na fábrica de bacallau de Pysbe, onde iniciou o seu defensa dos dereitos das traballadoras, e continuou despois na Fábrica de Lapis, participando activamente nas protestas en defensa dos e as traballadoras e en contra do peche da factoría de Ferrol Vello.

Tras o peche de Hispania incorporouse de forma activa ao movemento asociativo de Caranza. En 2006 formou parte da fundación da Asociación López Bouza, na que era membro do equipo directivo. Absolutamente implicada nas actividades culturais e sociais que se desenvolvían desde a entidade, Manola Rodríguez implicouse tamén desde o inicio nas protestas e mobilizacións pola reforma do mercado de Caranza e foi unha defensora sen concesións da praia do barrio.

 

A secretaria xeral da Agrupación Socialista de Ferrol, Beattriz Sestayo, transmitiu o fondo pesar da Executiva do Partido Socialista ante a “irreparable perda dunha muller traballadora, loitadora, comprometida e honesta, que nin un só día deixou de preocuparse polas necesidades dos máis necesitados e de loitar pola igualdade social”. “Foi unha muller activa e implicada na mellora do barrio e que durante toda a súa vida loitou de forma decidido pola defensa de Caranza e de Ferrol e das súas veciñas e veciños”, explicou.

Sociedade

Publica o teu comentario agora