Na Selva de Esmelle XI

Na Selva de Esmelle XI
27 de Xullo, 2026 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Porque Bego o merece.

ESCOITA O PODCAST:

ANTÍA: Encontrei estas palabras  escritas por Begoña  cando lle deron un premio da Asociación de Escritoras e  Escritores en Lingua Galega: 

"Hai autoras e autores que dignifican unha lingua, pero existe tamén o caso contrario: o das linguas que dignifican o autor, a autora. Ese é o meu caso e, de certo, o de todas e todos vós. Quen decide escribir en galego está xa, ao meu ver, tocado coa graza dos heroes, das fadas, deusas e xigantes… Escribir en galego é posicionarse nas marxes; autoexcluírse dos oropeis do parnaso literario dos idiomas dominantes. Renunciar a coroas de loureiro para defender algo tan fráxil e fermoso como unha lingua minorizada e atacada. En nome dos síux, dos maias, das mulleres xaponesas e de tantos pobos e culturas que viron a súa lingua perderse e sucumbir ante o demoledor avance de idiomas máis fortes e dominantes: Grazas. Grazas por escollerdes a loita continua, calada e mesmo desprestixiada, da diversidade cultural. Grazas a todas e todos por levardes na fronte unha estrela e no bico un cantar, en galego”. 

ANA: Defender a lingua propia, defender todos os idiomas do mundo, especialmente os máis fráxiles. Para ela que desaparecese calquera idioma, por poucos falantes que tivese, era unha catástrofe universal. E na Radio dicíalles ás colegas, “temos este traballo porque temos un idioma”.

O Podcast “Na Selva de Esmelle. Begoña Caamaño a releitura dos mitos” é unha produción de EMUGA, a Asociación de Emisoras Municipais Galegas que conta co apoio da Deputación da Coruña. Dirixido por Eugenia Sanmartín, con guión de Pim Patinho e interpretado por Vicky Sas e Marian Rei.

Fotografía: Cadro de Leandro regalado a Begoña Caamaño polas amigas.

Cultura

Publica o teu comentario agora