Nace CinemaLugo.tv

Nace CinemaLugo.tv

07 de Marzo, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

O novo espazo que hoxe entra en funcionamento pretende actuar como pantalla de divulgación para os novos creadores e creadoras da provincia e un catálogo audiovisual das creacións lucenses. O Vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga explicou que “os protagonistas deste novo proxecto serán as películas rodadas nestas terras: os actores, os directores e os guionistas, e os traballos desas persoas no ámbito do cinema”.

Na presentación do novo proxecto que puxo en marcha a Área de Culturada Deputación de Lugo, os responsables de cultura suliñaron que será un espazo web que recolle o patrimonio audiovisual das comarcas de Lugo e “ao mesmo tempo, servirá de pantalla para dar a coñecer o traballo dos novos creadores neste ámbito”.

O patrimonio audiovisual das comarcas de Lugo, que será o protagonista deste novo proxecto, está formado fundamentalmente “por películas rodadas nestas terras: os actores, os directores e os guionistas, e os traballos desas persoas no ámbito do cinema”, explicou Antonio Veiga. Veiga recolleu na súa intervención que non se trata dun proxecto pechado, senón que dende a Área de Cultura “facemos un chamamento a todos aqueles a aquelas que queiran participar neste proxecto. Neste momento os contidos son aínda escasos, pero como diría Castelao non lle poñades chatas á obra ata que estea rematada”.

Segundo explicou Veiga, os obxectivos fundamentais deste proxecto son: “dunha banda universalizar o acceso a contidos audiovisuais do cinema lucense e galego, promover a dixitalización das obras audiovisuais, facilitando o camiño cara ás novas demandas que se producirán no sector nos vindeiros anos e adaptándoas  a novos estándares de visualización, a promoción e normalización do idioma galego no sector, promocionar o noso audiovisual e servir de apoio ás accións de marketing desenvolvidas polas produtoras e distribuidoras, e, por suposto como xa dixemos, o apoio ás e aos novos/as creadores/as”.

Mario Outeiro entrou a explicar os contidos da propia páxina desde unha perspectiva histórica e sinalou que “a provincia de Lugo conta cunha longa tradición cinematográfica que se remonta ao 7 de xullo de 1897 cando o invento dos irmáns Lumière é presentado no Teatro Circo de Lugo. Da man dos exhibidores portugueses Azebedo e Marqués, Lugo é unha das primeiras cidades galegas en coñecer esta curiosidade científica.  Outeiro remarcou que  “ao longo de todo este tempo, Lugo e a súa provincia van ser escenario da rodaxe de múltiples filmes, tanto de tipo documental como de ficción” . Quixo tamén referirse “á tradicion cineclubista existente en Lugo, cidade na que, en tempos da república, se creou o primeiro cineclube que existiu en Galiza da man dun fato de intelectuais.

A páxina web http://www.cinemalugo.tv/ que desde hoxe está operativa.

Cultura