Namorado de Fene

Namorado de Fene
15 de Marzo, 2023 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

“Namorado de Fene”, declárase Luis López, Luigi, xerente do recén inaugurado Café dos Segredos. “Levo dezaeis anos vivindo en Fene, que me acolleu moi ben, botei sete anos traballando no taxi e sempre quixen montar un negocio aquí”, di. Coa súa parella, Arancha Varela, e co camareiro Román, forman o equipo do novo establecemento de hostalaría, situado nas Pías. Ocupa o local que no seu día foi o Liverpool. 

ESCOITA O PODCAST:

“Un bo servizo, sempre cun sorriso”. Tanto Luigi como Arancha teñen experiencia anterior na hostalaría e gustan do trato co público. Renden homenaxe ás oito parroquias de Fene bautizando co seu nome as tostas que ofrecen na carta, tamén teñen outra coa denominación do local. O Café dos Segredos herdou o seu nome dunha cervexaría que rexentara Luigi en Narón, moi frecuentado por clientes feneses. Botaron tres meses traballando no local para poñelo ao seu gusto antes de abrir. Inauguraron o sábado, día 11, con moi boa acollida “foi sorprendente, tivemos moita aceptación, houbo xente coñecida e tamén descoñecida”. Agora traballan arreo para atender á clientela. “Estamos abertos desde as 5 da mañá e o horario normal de peche é ás 22 horas”. Os sábados abren ás 7:30 e o domingo pechan por descanso.

Sociedade

Publica o teu comentario agora