Narón, capital da perrucaría canina

Narón, capital da perrucaría canina

30 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Centro Comercial e de Ocio “Dolce Vita Odeón”, acolle a vindeira fin de semana o VII Campionato Galego de Perrucaría Canina. O certame inclúe nesta edición o II Campionato de Agility, aínda que neste caso, as probas celebraranse nunha parcela exterior situada fronte ao Hotel Husa Odeón.

Cinco modalidades inclúe este ano o concurso: tesoira, spaniel, stripping, caniche e comercial. Segundo Juan Chedas, organizador do certame, nesta edición fíxose un esforzo especial por ampliar o programa co obxectivo de acadar, de cara ao vindeiro ano, a consideración de campionato internacional.

Cun seminario de corte a tesoira de “Terrier Ruso”, dirixido a profesionais, comezará  o sábado en Odeón este VII Campionato de Perrucaría Canina. Ao longo de toda a xornada, e tamén o domingo, sucederanse as distintas probas. Ademais, segundo anunciou Juan Chedas, o primeiro día haberá unha pasarela canina na que poderán participar todo tipo de cans e optar a distintos premios.

Na xornada do domingo, entre as doce e as catro e media do serán, celebrarase nas inmediacións do centro comercial Odeón o II Campionato de Agility, un concurso no que se amosarán as destrezas e a axilidade dos cans participantes.

Sociedade