Navantia intensifica o seu calendario de feiras e exposicións internacionais

Navantia intensifica o seu calendario de feiras e exposicións internacionais

11 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O estaleiro Navantia participará por primeira vez na feira de Canadá en xuño, país no que amosaron interese por un buque de aprovisionamento de combate tipo “Cantabria”. Durante este ano, Navantia ten programado estar presente en catorce certames internacionais, dous máis que aos que acudiu o ano pasado, a exhibir os seus produtos.

A maioría destes foros son militares e serven de contacto coas máximas autoridades dos respectivos países. Por primeira vez, Navantia vai estar presente nas feiras organizadas en Colombia e Canadá para ampliar, así, o seu abano de contactos, algo que precisa con urxencia dado que, leva xa tres anos sen renovar a carteira de pedidos.

Feiras de construcción naval e tamén de reparacións, como as de Miami, Mónaco, Chipre ou Oslo, incluíndo o negocio de iates e cruceiros. Segundo informan desde o departamento de comunicación de Navantia, o obxectivo principal é o mercado militar internacional, de aí que predominen as feiras militares.

En cada feira, Navantia desprega un stand coas maquetas dos barcos que se queren promocionar no país ou zona de influencia do que se trate, así coma posters e dvds dos productos.

Para Navantia, os países de Oriente Medio e Asia teñen un interese especial nos patrulleiros, co que o producto estrela nestes son os patrulleiros que se están a construir actualmente para España e para Venezuela.

No caso de Canadá, país no que Navantia exhibirá por primeira vez, hai interese polo buque de aprovisionamento de combate tipo “Cantabria”. De feito, existe un contrato co cal se está adaptando ese buque aos seus requisitos, aínda que polo momento non está confirmado o encargo. Tamén un estaleiro alemán se ten interesado por este tipo de buques.

En definitiva, Navantia comeza este 2011 cun calendario de catorce concentracións internacionais que comezará a finais de febreiro en Abu Dhabi e rematará en decembro en Malasia.

Sociedade