Navantia interésase polas plataformas marítimas para aeroxeneradores

Navantia interésase polas plataformas marítimas para aeroxeneradores

24 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

As plataformas para a colocación de aeroxeneradores no mar. Ese pode ser un dos campos de traballo para a adicación de Navantia Fene. Un empresario norteamericano visitou dias atrás as instalacións do estaleiro para comprobar a súa adecuación para a citada finalidade. O problema dese nicho de mercado é que non se desenvolverá plenamente ata despois do ano 2015.

A colocación de aeroxeneradores no mar vai xenerar un mercado de interés, non só polas plataformas sobre as que se ubicarán os muiños de vento. Tamén polos buques de auxilio e o mantenemento desas instalacións. A tecnoloxia actual só permite instalar esas turbinas fixas en zonas con profundidades medias duns 10 metros. Pero a solución podería vir da man dos aeroxeneradores flotantes. Na actualidade o proxecto Hywind instalou unha turbina a uns 11 quilómetros  da localidade de Karmoy en Noruega. Está ancorada con tres cables de aceiro ao fondo mariño. Outro  prototipo situouse nunha zona cunha profundidade de 220 metros, pero os técnicos queren demostrar que se poderá ubicar en augas con profundidades de ata 700 metros.

 

Empresas alemanas, noruegas, italianas e tamén a española Iberdrola desenvolven distintos prototipos. Se os proxectos funcionan poderían instalarse parques eólicos marinos en zonas alonxadas da costa, onde non ofrecen problemas de impacto acústico ou visual. En alta mar, os ventos son máis poderosos e constantes. Por contra, este tipo de instalacións encarecen a producción de enerxia polas dificultades técnicas para a súa posta en marcha, o mantenemento e o transporte da enerxia a través de cables submarinos. O presidente de Navantia Aurelio Martinez recoñeceulle ao comité intercentros o interese da empresa en explorar este nicho de mercado. Aproveitaríase a tecnoloxia utilizada polo estaleiro de Fene no sector off shore desde a década dos 80.

O presidente de Navantia debuxoulle onte un gris panorama ao comité intercentros. Sen ofrecer cifras de resultados do pasado ano 2009, Martinez indicou que o 70% das perdas xeneradas responden a retrasos nas entregas, fallos de enxeñería e modificacións nos proxectos. Navantia adícase na actualidade á construccion naval militar, empregando a unhas 5000 persoas, entre as que se atopan 2000 de Ferrol e 330 de Fene.

 

Sociedade