Nefasto para a saúde

Nefasto para a saúde
16 de Outubro, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Este domingo, 16 de outubro, é o Día Mundial da Alimentación. A Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) instituíu a data para concienciar a poboaciónn sobre os diversos problemas arredor da alimentación. Fame en moitos países, obesidade e problemas de nutrición noutros. A FAO destaca que uns 3.100 millóns de persoas, o que supón case o 40% da poboació,  non poden permitirse unha dieta saudable. O sobrepeso e a obesidade son causa de numerosas doenzas, advertiu en Radio Fene o xefe da Sección Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospital Universitario de Ferrol, doutor Diego Bellido Guerreiro. 

Mentres 828 millóns de persoas pasan fame, un de cada oito adultos é obeso, un problema en aumento en todas as rexións do mundo, mesmo nos países en vías de desenvolvemento. Medra a fame e tamén as persoas con exceso de peso corporal. “A obesidade é unha enfermidade e ata que non lle deamos o estatus de enfermidade non será posible tratala de xeito adecuado”, advirte.

 

“A obesidade ten consecuencias nefastas para a saúde”, destaca o doutor Bellido. “É o factor de risco da maioría das enfermidades metabólicas, é a causa de que aumenten a diabetes, a hipertensión, as enfermidades cardiovasculares, locomotoras, psicolóxicas..” En Galicia, o peso excesivo afecta ao 55% da poboación, máis aínda nas persoas maiores de 50 anos. Na poboación infanto-xuvenil a obesidade afecta a un de cada tres. Os datos son de hai dous anos e probablemente xa están superados, porque cada vez que se fai un novo estudo as cifras van en aumento, sinala o doutor Bellido. O fenómeno vai en aumento e ten moito que ver cos hábitos de vida. O sedentarismo e a alimentación provocan un mal que está a minar a saúde da poboación mundial.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora