A nena que tiña unha soa orella e 18 premios

A nena que tiña unha soa orella e 18 premios

29 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A nena que tiña unha soa orella ven de recibir a Mención de Honra Internacional no Alucine Toronto Latin Filme & Media Arts Festival de Canadá e o Premio infantil internacional do 7 Festival Internacional de Curtametraxes de Cusco (Perú). Completando este éxito internacional, a cinta alzouse co premio a mellor curtametraxe de animación no Festival de Curtametraxes Enkarzine no País Vasco.

Esta historia de animación producida polo ferrolán Rubén Coca conta co apoio da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, o Concello de Ferrol e o Padroado de Cultura do Concello de Narón.
Baseado no conto da escritora Lucía Etxebarría A fantástica nena pequena e a cegoña pedigüeña, conta con ilustracións de Víctor Coyote e con Álvaro León na dirección.

Tras un ano desde a estrea da curtametraxe no Teatro Jofre de Ferrol, A nena que tiña unha soa orella leva acumulados 18 premios en Festivais de cinema nacionais e internacionais e participou en máis de 70 festivais cinematográficos, estando presente en diferentes países como Tailandia, Australia, Canadá, EEUU, Arxentina, Brasil, México, Alemaña, Francia e Italia, completando así un ano de gran éxito. En Galicia conseguiu o máximo galardón na categoría de animación en Ourense, Cans, Vilagarcía de Arousa, Sada e Ponteareas, así como un nomeamento aos premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual. Tamén en festivais nacionais tivo diversos recoñecementos destacando os premios en Madrid, Sevilla, Valencia, Castelló e Tenerife. A nena que tiña unha soa orella é un conto infantil de concienciación cara ao respecto ás diferenzas entre os seres humanos.

Cultura