ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Faite con elas, non podes deixar de lelas. Estas vacacións mete na túa maleta os misterios e as intrigas dos mellores autores que temos deste xénero. Recomendacións de novela negra galega por Antonio Tizón. Hoxe fálanos de Ninguén contará a verdade de Pedro Feixoo e A rede branca de Paco Morgan
Seguimos a nosa selección con estas dúas obras, que metemos no mesmo saco porque son a gañadora e finalista da última edición publicada do Premio Xerais de Novela, un feito que se algo demostra é a vixencia e vitalidade do xénero negro, e non só en Galicia senón no resto do mundo. Estas obras, tanto a do xa consagrado Pedro Feijoo como a do aínda novato Paco Morgan, moi distintas entre si pero tamén con características comúns, como poden ser as temáticas recorrentes da corrupción, en todos os niveis e clases sociais, e da impunidade do poder fronte ao crime, entrarían sen problema nesa concepción de macroxénero que establecemos dende o principio, pese ás reticencias dun dos autores citados.
Porque, por pouco que lle guste a etiqueta, Feijoo debe aceptar que a visión escura da existencia que transmite en case todas as súas novelas presenta claros visos de negritude, perfectamente hibridados, iso si, con outros subxéneros, como a novela histórica, a de aventuras e o thriller violento, como é o caso de Ninguén contará a verdade. E recomendamos a lectura de A rede branca porque ofrece outra visión do xénero, cunha estrutura moi orixinal na que catorce personaxes van mesturándose con total naturalidade e credibilidade, ofrecendo un retrato fidedigno da sociedade galega, en xeral, e viguesa, en particular. Aproveitamos esta relación do xénero negro cos premios literarios para citar algúns casos significativos. Porque podemos asegurar que este tipo de literatura sempre foi premiada durante os últimos corenta anos, dende Crime en Compostela ata Ninguén contará a verdade, pasando por O crime da rúa da Moeda Vella, de Román Raña (Premio Blanco Amor, 1989), A ira dos mansos, de Manuel Esteban (Premio Xerais, 2016), Granito, de Álex Alonso (Premio Torrente Ballester, 2020), A afogada, de Rocío Leira (Premio Anxel Fole, 2021), Oito días sen Eva Cortes, de Sara Vila (Premio Illa Nova de Narrativa), ou o caso de Aníbal Malvar, quen gañou o Premio García Barros en 1994, con A man dereita, e o Premio Xerais en 1995, con Unha noite con Carla, un autor que, ademais, ostenta o honor simbólico de pechar o que se deu en chamar a primeira idade de ouro do xénero coa publicación en 1998 da última obra significativa deste período, a titulada Á de mosca.
Antonio Tizón
Publica o teu comentario agora