No bico un cantar

No bico un cantar
24 de Febreiro, 2026 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O aniversario do nacemento da escritora galega máis universal celébrase con numerosos actos. Na praza do Concello de Fene festexouse o Día de Rosalía cun acto protagonizado polo alumnado do colexio de Centieiras.

ESCOITA O PODCAST:

Nenos e nenas do colexio de Centieiras deixaron por unhas horas as aulas para encher de poesía a praza do Concello de Fene. Foi o colofón ás actividades organizadas no centro educativo nas que participaron a totalidade do alumnado e tamén pais e nais como contou a Radio Fene a directora do colexio, Andrea Fernández. En Fene, tamén, o Concello sumase á conmemoración do Día de Rosalía, celebración promovida por entidades como a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ou a Fundación Rosalía de Castro co obxectivo de dar a coñecer e ensalzar a obra da autora de Follas Novas e Cantares Gallegos. Con este motivo, o Concello de Fene organiza na Casa da Cultura este mércores, 25 de febreiro, ás 19.30 horas, o acto “Coñecer a Rosalía”, aberto a todos os públicos con entrada libre e de balde até completar o aforo.

“Coñecer a Rosalía” incluirá un recital popular de poesía, a cargo do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene, unha conferencia a cargo do catedrático especialista en Rosalía de Castro, Francisco Rodríguez, e coloquio sobre a obra rosaliana.

Cultura

Publica o teu comentario agora