No bo río péscase a troita

No bo río péscase a troita
07 de Marzo, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

A troita é un peixe da familia dos salmónidos, de carne compacta e algo insulsa. Os rios galegos xa non levan tantas como antano o que é unha mágoa para os pescadores e para todo o mundo. Este ano, a temporada da pesca fluvial en Galicia empeza o 21 de marzo e remata o 30 de xullo.

No mencer, cando as raiolas do sol fan un buraco entre os vidueiros, as moscas de colores entran e saen da augatentando chamar a atención das poucas troitas que quedan nos nosos rios. As troitas son un excelente manxar, unha pesca cobizosa e mesmo un reclamo turístico. Pregúntase Fausto Galdo, quen poría peros a unha cea nunha casa rural, ao pe dun coto troiteiro onde aínda queden troitas comúns ( salmo fario) co sabor de sempre. Ao parecer a Xunta tenta reproducir a troita galega, que , como tantas outras cousas, fomos perdendo por obra dos depredadores. Non serve de nada chorar agora pero aí é como se foi indo o porco celta, a galiña de Mos, a vaca marela e tantas cousas máis. Non abonda con repoboar, que as nosas troitas non están afeitas a defenderse do cangrexo americano, os visóns, os castores e outros bichos cos que fumos enchendo o país e rachando o ecosistema.

Reproducimos unha escena que conta Jorge Casanova nun traballo realizado nos rios do Courel no ano 2008. A escena produciuse un dia de pesca en 1995.

Don Manuel Fraga foi recibido con todos os honores en Ferramulín, o último pobo da serra de O Courel antes da fronteira con León. Alí, o entón presidente da Xunta pensaba medir o seu talento coa cana nos lexendarios ríos da zona. Antes de poñerse á faena (conta Casanova) un paisano de 80 anos achegouse ao presidente e recordoulle o limpo que baixaba o río e o nutrido que estaba de troitas: «Pero o río deixará de estar así se constrúen a minicentral». Nin a paixón pola pesca de Fraga conseguiu atemperar a súa febril defensa das minicentrais: «Mi querido amigo, no tema das minicentrais non hai nada que facer», contestoulle o presidente que, desde logo, tampouco esperaba a resposta do vello: «Fagan o que queiran, logo. O que constrúan polo día hei de tiralo abaixo pola noite. Coa miña idade, xa non me van meter na cadea”.

As troitas influíron moito na historia de Galicia. Nunha aldea de Ávila, Afonso, o fillo máis vello de Henrique IV de Trastámara, herdeiro ao trono de Castela, morreu envelenado ceando unhas troitas. Así pasou a ser raíña a súa irmá Isabel a Católica. Sen comentarios… As troitas fritidas cun pouco de unto son das máis sabedoras, con pemento doce e un pouco picante no bandullo e cun anaco de touciño ou xamón. Chamase así “á paisana”. Son compango de luxo dun pan de molete e unha ensalada. Se houbera troitas sobrantes poden prepararse en escabeche cun vinagre de mazá.

Hai que mollarse porque como di o refrán: "Non se pescan troitas coas bragas enxoitas".

E non esquecer o dito: “A troita, para que che guste, ha de ter sete efes: fresca, fritida, fría, fiada, fragosa, fea e femia”.

(Foto: troitas no Arnoia. 2017)

Cultura

Publica o teu comentario agora