ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
O Concello de Fene denuncia a situación crítica de SOGAMA e a suba do canon. O alcalde de Fene, Juventino Trigo, asegurou que a proposta de suba do canon de SOGAMA é unha decisión “arbitraria, contraditoria e de dubidosa legalidade”.
Rotunda oposición do Goberno municipal de Fene á recente proposta da Xunta de Galicia de incrementar o canon de SOGAMA. Unha medida que afectará a 118 concellos de todo o país, e considerada arbitraria, contraditoria e de dubidosa legalidade. O alcalde de Fene, Juventino Trigo, foi contundente na súa crítica: “Esta suba do canon é unha mostra máis da mala xestión de SOGAMA e o seu modelo obsoleto”, e sinalou que “a Xunta quere obriga aos concellos a pagar as consecuencias dunha administración que ignorou sistematicamente as alternativas sostíbeis”. “Non podemos permitir que se impoñan estes custes adicionais na nosa veciñanza”, engadiu Trigo.
O aumento do canon aplicarase só a certos concellos, sen unha xustificación clara, e contradí as bonificacións previas do 15% outorgadas pola recollida separada de biorresiduos. Asemade, habería que modificar a lei pola que se aprobou a bonificación do 15%, algo que até o de agora non se fixo. O rexedor fenés cuestionou a legalidade desta decisión, tamén a nivel local. “Preguntámonos como se pretende modificar a lei para xustificar esta suba e como se espera que os concellos, que xa temos as nosas ordenanzas fiscais aprobadas, repercutamos estes novos custes nos recibos das veciñas e veciños”, indicou Trigo.
Para o goberno de Fene, a verdadeira causa do aumento do canon radica no “burato financeiro de SOGAMA”, provocado por unha mala xestión e un modelo centralizado e contaminante baseado na incineración do lixo. “A Xunta apostou por un sistema penalizado pola normativa europea e a nova lei de residuos, e agora pretenden que sexamos os concellos os que paguemos a súa falta de visión e xestión eficiente”, afirmou o alcalde fenés.
Para Trigo, o impacto desta suba será significativo, xa que os concellos terán dificultades para repercutir estes custes nas taxas municipais, creando un problema financeiro difícil de xestionar.
O Concello de Fene traballará, xunto con outros concellos afectados, na defensa dun novo modelo de xestión de residuos baseado na prevención, separación, reutilización e reciclaxe. “A Xunta debe asumir a necesidade dun cambio de modelo e colaborar cos concellos para a súa implementación. Non podemos seguir a soportar un sistema que non só é custoso, senón que tamén resulta ineficiente e prexudicial para o medio ambiente”, concluíu Juventino Trigo.
Publica o teu comentario agora