Non ao confinamento do 25N

A MMM convoca actos na rúa para visibilizar a violencia machista
19 de Novembro, 2020 - 09:52 h. | Publicada por Radio Fene

Respectaránse as medidas sanitarias, pero o movemento feminista non renuncia a sair á rúa o 25N porque a pandemia agravou a situación das víctimas da violencia machista e a situación xeral das mulleres.

ESCOITA O PODCAST:

A MMM non renuncia á conmemoración do 25N Día contra a Violencia sobre as mulleres. Baixo o lema “25N na rúa” néganse a que a visibilización da violencia machista fique confinada en 2020. Recoñecendo que haberá que facelo respectando as normas sanitarias de seguridade, non renuncian a levar ás rúas o feminismo precisamente no momento en que menos visible é a violencia machista. A pandemia devolveu ás mulleres á esfera íntima e doméstica e ao confinamento cos seus agresores, sobreexpoñéndoas a unha violencia extrema. Pero non é só iso.

Como portavoz da coordinadora comarcal de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres, Lucía Vizoso, explicanos que pechar as escolas infantís, os centros de ensino ou os centros de dia, sen adoptar medidas públicas de coidado de menores e persoas dependentes, obrigou a mulleres asalariadas a reducir as súas xornadas laborais para quedar a cargo das familias. Mais outra vez demostrouse que o peso dos coidados recae nas mulleres. Durante a pandemia as institucións paralizaron a maior parte dos servizos de prevención e atención a mulleres que sofren a violencia machista, os xulgados pararon procedimentos de custodias, conflitos e todo tipo de procedimentos víronse aprazados. A protección das vítimas nunca foi considerada unha “ actividade esencial”.

Por todo iso, afirma Vizoso, o feminismo debe estar nas rúas o 25 de novembro. En Ferrol convocouse unha concentración na Praza Amada García ás 19h; na Coruña farase no obelisco ás 20h; e en Compostela na Praza do Obradoiro. Vigo e Ourense optan por manifestacións que sairán ás 19h da Vía Norte e da subdelegación do goberno, respectivamente. Un lema será común a todas elas “Combater a violencia machista é unha prioridade para a saúde de todas”.

 

(Movilización da MMM diante dos xulgados de Ferrol tras o caso da Manada, en 2018)

Sociedade

Publica o teu comentario agora