Non hai carreiras mellores ou peores

Non hai carreiras mellores ou peores
26 de Marzo, 2021 - 10:58 h. | Publicada por Radio Fene

O IES de Fene convidou a falar no centro esta mañá á ex-alumna Erika Diz que na actualidade dispón dunha beca de doutoramento na Facultade de Matemáticas da USC.

ESCOITA O PODCAST:

Hoxe Erika Diz Pita convértese en exemplo para os estudantes de primeiro de bacharelato que deben ir decidindo que queren estudar unha vez acaben o bacharelato. Cando Erika estudaba no instituto de Barallobre, confesa que non sabía o que quería facer despois. De feito as Matemáticas non foron a súa primeira opción. Estudou primeiro de Arquitectura e despois cambiou a Matemáticas. Foi nese momento cando soubo o que quería.

Preguntámoslle que recomendación lle daría á audiencia desta mañá. “Creo que teñen que facer o que máis lles guste. Que non se deixen levar polo que lles din” afirma esta moza fenesa que recoñece que hai moitísima presión arredor. Amósase convencida de que non hai carreiras mellores ou peores e de que a situación vai cambiando de tal xeito que quizás dentro e dez anos, por exemplo, as Matemáticas proporcionen novos campos de traballo que hoxe nin imaxinamos.

Erika da clases na facultade de Matemáticas ao tempo que desenvolve a súa tese de doutoramento, pero quizás no futuro se decante pola docencia en secundaria. “Gústame o instituto” declara rotunda. Ten un contrato FPU que significa que dispón de catro anos, que rematarán ao final do curso que ven, para desenvolver a súa tese e que debe compaxinalo coa impartición de clases, charlas e outras actividades. A tese de Erika vai de ecuacións Lotka- Volterra, que ven ser a dinámica de distintas poboación que conviven nun ecosistema. Unha teoría, explica para que non nos asustemos, que logo pode aplicarse en Bioloxía ou Medicina.

Recoñece que as Matemáticas están "de moda". Cando ela empezou non era así. Hai un par de e anos que non entra no instituto de Barallobre onde estudou. Hoxe dirixirase a un montón de rapaces e rapazas expectantes. Confesa que probablemente se emocionará. Non é para menos.

 

(Imaxe de Erika esta mañá nos estudios de Radio Fene)

Sociedade

Publica o teu comentario agora