Non hai tortilla sen romper ovos

Non hai tortilla sen romper ovos
08 de Marzo, 2021 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

Hai controversia por saber quen inventou a tortilla de patacas, hoxe un prato básico e fundamental da nosa dieta. Seguro que a fame ten algo que ver co alumbramento do invento.

A invención da tortilla atribúese a Cigófilo, que significa “amante dos ovos” un dos sete cociñeiros do Banquete dos sabios, do escritor grego Ateneo, quen nos lembra que a tortilla máis prezada era a de sangue de lebre, da que hoxe nin se fala. Entre nós, a que coñecemos como tortilla francesa pode ser que se inventara en Españaformando parte do Recetario de Alcántara aquel que roubou o xeneral Junot na francesada nese mosteiro preto de Portugal para regalar á súa dona, a duquesa de Amarante. Outros consideran que a tortilla francesa inventouse no sitio de Cadiz. Os gaditanos, cercados, medio mortos de fame e non tendo que comer, dispondo só dunhas poucas galiñas, mandábanlles aos gavachos tortillas, presumindo de fartura. (Realmente soa a lenda pola semellanza que ten con algún asedio dos romanos).

A tortilla de patacas, denominada tortilla española, seguro foi ideada pola penuria e a fame pero non deixa de haber controversia, en palabras de Fausto Galdo. Uns opinan que a inventaron as xentes da partida de Espoz y Mina, o caudillo navarro da guerra dos franceses, que casou na Coruña con dona Juana de Vega, que por certo non a inclúe no seu Receitario (na colección de libros de Guillermo Escrigas).

Ata agora o primeiro documento coñecido no que aparecía unha referencia á tortilla de patacas era navarro. Trátase dun anónimo "memorial de ratonera», dirixido ás Cortes de Navarra en 1817 no que se explican as míseras condicións nas que viven os agricultores comparándoos  cos habitantes de Pamplona e da Ribera navarra. Tras unha longa enumeración dos míseros alimentos tomados polos montañeses, aparece esta cita:

"... dous ou tres ovos en tortilla para cinco ou seis, porque as nosas mulleres a saben facela grande e gorda con poucos ovos mesturando patacas, atapurres de pan ou outra cousa..."

Outros defenden que foi un prato das tropas do xeneral Tomás de Zumalacárregui, o do abrazo de Vergara na primeira das guerras carlistas e que foi gobernador político-militar de Ferrol. Disque durante o sitio de Bilbao inventou a tortilla de patacas como plato sinxelo, rápido e nutritivo co que saciar as penurias do exército carlista. Por outra parte, Manuel Vázquez de Parga, o terceiro conde de Pallares, destaca nos seus artigos a tortilla de patacas como “arte da muller luguesa”.

A tortilla admite moitos ingredientes a maiores das patacas e os ovos. A cebola é un garante de sabor, de feito en moitos lugares pregúntan: con ou sen cebola? Pero cabe o chourizo, os pementos, etc…Hai concursos de tortillas por todo o país. A tortilla de Betanzos ten unha sona que desborda os límites galegos. Se che gusta a tortilla moi feita é mellor que aforres a vixe a Betanzos. O que vas atopar nesta vila é unha tortilla moi melosa ou directamente, moi líquida. A tortilla de Betanzos só leva catro ingredientes: ovo, pataca galega (eles usan a variedade Kennebec) , aceite de oliva e sal. Os puristas non admiten cebola nen outros ingredentes. Logo, segundo o mesón onde a comas, teñen os seus segredos para superarse. A da Casilla é quizás a máis popular. En Santiago louban a da Tita e a de Cacheiras. A Coruña chúfase de facer as mellores tortillas. No mesmo centro da cidade podemos probar a da Penela ou a de O Bo. En Ferrol probar a do Bacoriño.

Unha tortilla ben sinxela e sabrosa é a de cebola e pementos, moi gorda e ligada con moitos ovos, tantos como dúas ducias para unha tixola das grandes.

Cultura

Publica o teu comentario agora