Non podía comezar mellor

Non podía comezar mellor
14 de Setembro, 2026 - 10:09 h. | Publicada por Radio Fene

Perlio  1-0 Imperator, con gol de Xabi Riobo no minuto 20. Dous partidos, duas vitorias. Non podia comezar mellor o equipo dos Pinares na liga da Primeira Futgal.

ESCOITA O PODCAST:

Conversa co adestrador do Perlío Jesús Peña:

https://redefusion-eu.us.stackstaging.com/audio/140926PENA.mp3

Fotografía Xan Xe

O Perlío suma e segue na Primeira Futgal. O conxunto dos Pinares conseguiu a súa segunda vitoria en dous partidos de liga ao impoñerse por un gol a cero ao Imperator, grazas a un solitario tanto de Xavi Riobó no minuto 20 do encontro. Cunha entrega colectiva impecable, o equipo soubo sufrir no treito final para amarrar os tres puntos e confirmar un inicio de tempada inmellorable.O adestrador do Perlío, Jesús Peña, recoñeceu que o partido esixiu un gran desgaste físico e mental: "A verdade é que o equipo traballou moitísimo, a pesar de non ser un bo encontro pola nosa parte". O técnico explicou que a primeira metade estivo moi nivelada, momento no que chegou o gol local tras unha boa acción. Antes do descanso, o Perlío puido ampliar a vantaxe cunha ocasión moi clara de Óscar Sanemeterio que salvou o porteiro visitante, mentres que o Imperator rozou o empate cun remate de cabeza que saíu lambendo o pau.

Resistencia con dez xogadores no segundo tempo

Na continuación, o guión cambiou e o Imperator pasou a dominar o balón. Aínda que os visitantes non xeraron un volume excesivo de ocasións claras, si que se amosaron superiores no xogo. A situación complicouse aínda máis para o Perlío no minuto 80 coa expulsión por cartón vermello dun xogador local.Con dez homes sobre o terreo de xogo, os xogadores do Perlío tiraron de oficio e solidariedade defensiva: "Eles apertaron colgando balóns, pero aguantamos bastante ben sen pasar moitos apuros, agás unha boa intervención do gardameta Xavi Pita a un disparo de fóra", sinalou Peña, quen comparte os mandos do banco cunha estrutura horizontal: "Pedro Garrote e mais eu somos un tándem, tomamos as decisións faladas e os dous estamos igual de involucrados".

Próxima xornada: derbi comarcal ante o Numancia de Ares

Co optimismo que xeran os seis puntos na clasificación, o Perlío xa prepara outra gran cita: un novo derbi comarcal fronte ao Numancia de Ares. Tras medirse ao Maniños na xornada inaugural, este será o segundo duelo comarcal do curso: "Da gusto xogar contra o Numancia porque adoita haber moita afección, e ogallá esta xeira de bós resultados sirva para enganchar a máis xente.Respecto á preparación do choque, o técnico mantén as ideas claras: "Sempre te fixas algo no rival, pero nós temos unhas características moi definidas e o que intentamos é sacar partido das nosas propias virtudes"

 

Fotografía Xan Xe

Deportes

Publica o teu comentario agora