Non será un ano de moitos cambios

Non será un ano de moitos cambios
10 de Xullo, 2020 - 11:02 h. | Publicada por Radio Fene

O Cultural Maniños rexistra dúas baixas e dúas altas de momento e antes de que se coñeza cando empezarán a prepararse para a nova temporada na Primeira Galicia de Fútbol.

ESCOITA O PODCAST:

O Cultural Maniños rexistra as baixas de Carlos e Dani Zapa que non xogarán nas súas filas a vindeira temporada. O equipo que milita na Primeira Galega de Fútbol ten pechadas xa as altas de Raúl Albela (procedente do Neda) e Óscar Amigo (procedente do Narón). Equilibrase así o conxunto que seguirá dirixindo Pablo Mesa quen agarda algunha alta máis porque necesitar necesitaría reforzar a zona de atrás, máis vulnerable, aínda que sempre pode contar cos rapaces do filial. “Non podo empezar a pretemporada cando non se sabe cando empezará a temporada” contesta Mesa cando lle preguntamos polo inicio dos adestramentos. “Dise que probablemente a nova temporada empece en outubro, pero non se sabe nada”. De ser así, comenzarían a preparación do equipo a finais de agosto ou a primeiros de setembro.

Tamén descoñecen a estas alturas os protocolos que haberá que seguir. “Somos equipos humildes que só temos dous vestiarios e xa está” explica Mesa para significar que a infraestructura é a que é, haina que compartir cos equipos da base e non da para moitas florituras. A reunión federativa leva retraso, polas circunstancias que todos coñecemos, daí que leve retraso tamén o coñecemento do calendario e do grupo no que se integrará o Cultural Maniños. “A Federación tivo tempo a finiquitar a temporada anterior e pouco máis” declara Pablo Mesa quen non se atreve a opinar sobre qué equipos serán os fortes da categoría. “Polas fichaxes anunciadas podes intuir quen pode destacar pero non se pode aventurar nada. Estanse formando aínda, pero creo que non será un ano de moitos cambios”.

(Na imaxe, de esquerda a dereita, Óscar Amigo e Raúl Albela))

Deportes

Publica o teu comentario agora