ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
A veciña de Sillobre, Marina Seco, naceu na estrada, á altura do Rego da Moa tal dia como hoxe hai 97 anos, cando a súa nai volvía da feira do 21 de vender os queixos. Con ela falamos da súa longa vida en pleno aniversario.
Hoxe 21 de maio de 2020 unha muller de Sillobre, Marina Seco Padín, cumpre 97 anos. Pensa que é a persoa máis maior desta parroquia de Fene. Naceu accidentalmente no Rego da Moa. A súa nai foi vender os queixos á feira do 21 a Cabanas para que non se lle perderan, a pesar do seu estado e da advertencia do seu home que vía o embarazo moi avanzado. “Estaba media feira feita e tívose que vir porque Marinita apuraba para saír” cóntanos a nosa protagonista á quen seus país lle contarían a historia do seu nacemento centos de veces polo singular da situación. Cando a nai de Marina chegou á altura do Rego da Moa tivo que parar e parir á criatura coa axuda dunha veciña que a acompañou. Un muiñeiro de Fene que tiña un carro de cabalos levou á muller á casa, explica Marina Seco quen casou moi noviña, con 18 anos. “Unha nena saída do convento” describe así a nosa protagonista a súa inocencia. Superou de nena unha depresión moi grande que curou grazas a Don Antonio, o cura. “Entrei chorando e saín rindo” dí Marina para describir que superou aquilo e mira a onde chegou.
“Por Santa Mariña (a patroa de Sillobre) empezou a guerra en Africa. A xente dicía que ía vir para aquí e desfíxose a festa” Con esta frase salta Marina toda aquela época. Acórdase Marina de cando volveu a muller protagonista do suceso da Fonte dos Mouros. Unha parella de “amigos” decidiu matarse un ao outro en 1911 porque o seu amor era imposible. “Colleron dous revólveres e a que tirou primeiro matouno ben. O tiro del quitoulle un ollo” narra Marina Seco quen lembra o retorno desta muller a Sillobre anos despois. “Viña co ollo posto” describe.
Aos seus 97 anos Marina tivo que deixar o gancho porque os dedos non responden ben. Ten dúas vitrinas cheas de bonecas feitas de gancho ademais de ter elaborado colchas para toda a familia. O que segue facendo con destreza é plantar flores e enxertar árbores. Dáselle ben, onte mesmo plantou xeranios. Marina conserva a paixón por aprender e non perde nunca a escola de memoria que organiza o concello. Non sabe como celebrará hoxe o seu 97 aniversario porque "a situación non nos deixa estar xuntos" afirma, pero a horta da súa filla permítelles estar separados. Confesa Marina Seco o seu segredo para cumprir tantos anos con saúde e con cabeza: “Trato de botar o mal fora e pensar sempre no bo. Poñendo vontade, fáise”. O seu fillo, José Seco, manifestou “Estamos orgullosos de ter unha mamá como temos. Feliz aniversario”. Sumámonos aos parabéns e que cumpra moitos máis. Ela conclúe "Non teño presa por marchar".
(Na imaxe, Marina Seco en Radio Fene co seu fillo José)
Comentarios
A Sra. Marina do Balado....
Publica o teu comentario agora