Non usamos a mesma roupa no verán que no inverno

Non usamos a mesma roupa no verán que no inverno
15 de Marzo, 2022 - 12:31 h. | Publicada por Radio Fene

"Non cambiamos de roupa no verán e no inverno" pregúntase o científico Jorge Mira á hora de respaldar a necesidade do cambio horario. Acometeráse de novo esa variación a vindeira semana na noite do 26 ao 27 de marzo. Mira lembrou en Radio Fene a data do 1907 como o inicio da fixación dun horario coordenado en España. En Estados Unidos a hora fixouse en 1886 para poder coordenar as viaxes do tren. Sobre o “Cambio estacional de hora e fuso horario de España” falará mañá mércores, 16 de marzo, a partir das 19.30 horas, o físico e catedrático de electromagnetismo Jorge Mira na Casa da Cultura de Fene. A actividade encádrase no ciclo de divulgación científica ContandoCiencia que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene. Entrada libre e de balde até completar o aforo.
 

ESCOITA O PODCAST:

Jorge Mira é licenciado en Física pola Universidade de Santiago de Compostela (1991), doutor europeo en Física (1995) e catedrático de Electromagnetismo pola Facultade de Física da USC. Colaborador da Secretaría Xeral de Política Científica e
Tecnolóxica - Ministerio de Educación e Ciencia, para a creación e posta en marcha do Laboratorio Internacional Ibérico de Nanotecnoloxía - INL de Braga, Portugal (2006-2007). En 2016 foi elixido Académico Correspondente da RAG. En 2018 foi
nomeado membro da comisión de expertos do Goberno de España para a reforma da hora oficial. En 2020 foi membro do equipo de 4 investigadores encargados da predición da evolución da pandemia COVID19 para o Goberno de Galicia.
Ademais do seu labor científico e académico, desde finais dos anos 90 é un activo divulgador científico en distintos medios de comunicación. Creador en 2005 do Programa Conciencia, unha acción de divulgación científica articulada ao redor da
visita a Galicia de Premios Nobel (ou o seu equivalente en matemática e ciencias da computación), que dirixe desde entón. No marco deste programa, en 2008 puxo en marcha no «Premio Fonseca de comunicación da ciencia», de carácter  internacional. Ademais, é director da colección de divulgación científica da editorial da Universidade de Santiago de Compostela desde 2012. Trala conferencia de Jorge Mira do vindeiro mércores, o ciclo ContandoCiencia continuará o mércores 27 de abril cunha charla de José Gómez Rial, inmunólogo e membro do departamento de Inmunoxenética do Hospital Clínico de Santiago e do grupo de investigación GENVIP. O tema será “A viaxe da vacina fronte a Covid-19 no teu corpo”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora