A nosa imaxe, o noso son...

A nosa imaxe, o noso son...

02 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de San Sadurniño convírtese esta fin de semana en punto de encontro para os amantes da cultura popular galega. Por iniciativa da Asociación Folclórica e Cultural Berros do Castro, a Casa da Cultura acollerá o sábado a I Xornada “A nosa imaxe, o noso son”. A actividade inclúe unha exposición fotográfica, un obradoiro de afinación e interpretación da gaita galega e dous concertos.

Xa hai días que non quedan prazas para participar no obradoiro que o gaiteiro Iván Costa impartirá o sábado en San Sadurniño. En palabras do presidente da Asociación, Ramón Dopico, “Costa é un dos mellores gaiteiros do país, gañou os principais concursos de solitas e grupos e ademais é un grande docente”. O responsable da entidade asegurou a Radiofusiónsta é a primeira vez que Berros do Castro organiza un obradoiro a este nivel. O curso desenvolverase en horario de mañá e tarde e abordará contidos como a tipoloxía e manipulación das palletas, o uso do afinador, a compensación da afinación ou as técnicas de dixitación.

Tamén dentro desta I Xornada de Cultura Popular Galega, ao remate do obradoiro, Iván Costa ofrecerá un concerto (20.00 h), acompañado polo acordeonista Manolo Maseda, no que interpretarán pezas propias e melodías populares da nosa música tradicional. Tras deles, a Requinta de Xián pechará o encontro cunha actuación (20.30 h.) na que farán un repaso á historia e evolución dos instrumentos, das formacións musicais e das músicas propias das terras do Ulla.

Aproveitando a celebración desta Xornada, Berros do Caso amosa estes días na Casa da Cultura de San Sadurniño unha exposición fotográfica con algunhas das imaxes máis representativas do seu proxecto “Unha imaxe, unha melodía...un recordo”. Seis paneis compoñen esta mostra na que se recollen ao redor de cincuenta instantáneas referidas a formacións musicais e artesáns de instrumentos tradicionais das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Segundo explicou Ramón Dopico, a Asociación conta na actualidade con máis de duascentas fotografías e continúa buscando máis para afondar no seu proxecto sobre a historia da música tradicional na bisbarra.

Sociedade