A nosa laranxa paisiña

A nosa laranxa paisiña
09 de Abril, 2021 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

É sorprendente pero, non hai moito, Galicia exportaba laranxas. As amargas proceden de Persia, as doces troixéronas os comerciantes portugueses da India.

Froita da laranxeira, redonda e de cor entre vermella e amarela. A laranxa amarga procede de Persia e é a única que tiñamos na Idade Media. A doce, foi traída da India por comerciantes portugueses no século XV. É sorprendente pero, non hai moito, Galicia exportaba laranxas. Hoxe non hai prantacións masivas e quedan poucas laranxeiras. Hainas aínda nalgunha horta, en xardíns e nos pazos. Entre os séculos XV e XVII, conta Eladio Rodríguez González, as laranxas eran unha das principais exportación galegas, recollendo datos como o dun cargamento dun barco con 250 millares deste froito.

A especie máis habitual prantada en Galicia é a “navel” e coñecida como “paisiña” de pel máis pálida e lisa, monda gorda, poucas caguñas e de sabor moi doce. Segundo Fausto Galdo, as laranxeiras danse ben nos vales quentes do sur de Galicia, como a foz do Miño o unas veigas do Lerez. Como decía o cantar: “Xa fun a Marín, xa pasei o mar, xa collín laranxas do teu laranxal…”. Tamén se dan no norte. As laranxas empréganse para facer licores como o curaçao, un licor holandés que toma ese nome porque se facía coas laranxas da illa dos Países Baixos. Fanse outros licores con esta froita, como o Grand Marnier e o popular noutrora Cointreau que se fai coas laranxas chinesas que denominamos mandarinas. Coas laranxas, tamén as amargas, fanse moi boas marmeladas. A laranxa amarga medra moi ben en Galicia. E tamén en Sevilla onde se exportan a Inglaterra, a unha casa comercial famosa pola calidade das marmeladas.

Coa flor da laranxeira faise a auga de azar e moitos licores caseiros, sempre con laranxas bravas, bastante azucre e boa augardente. Tamén semella que estas laranxas agres son acaídas para os guisos de pato. Lembramos o famoso “pato á laranxa” . Tamén é interesante un pouco do seu zume nos peixes ao forno porque lles da un punto acedo exquisito.

 

(Na imaxe, a laranxeira do veciño)

Cultura

Publica o teu comentario agora