Nova edición do campamento urbano de Fene

Nova edición do campamento urbano de Fene

21 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O vindeiro 1 de xullo abre o prazo de inscripción para o “Campamento urbano” que se celebrará no Concello de Fene ao longo do mes de agosto. A actividade vai dirixida a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

Con esta proposta, a Concellería de Cultura, Deportes e Xuventude pretende “aportar un pequeno grao de area para axudar aos pais e nais a conciliar a vida familiar e laboral ademais de ofrecer aos rapaces distintas actividades de entretenemento e ocio nun mes no que diminúe considerablemente a oferta”. Asegurouno a Radiofusión a concelleira responsable desta área, Carmen Silvar.

O Campamento urbano celebrarase nas instalación do CMI Unidade de Fene de luns a venres, en horario de once da mañá a unha e media da tarde. Segundo avanzou a edil de Cultura, nesta edición a oferta de actividades medra con respecto ao ano pasado. Incluirá xogos acuáticos, deportivos, populares e de pistas. Tamén haberá baile, relaxación, xogos de mesa e un obradoiro de invención e fabricación de xoguetes. O programa completarase con distintas actividades relacionadas coa cociña, coa lectura e coa arte.

Para apuntarse ao Campamento urbano do Concello de Fene, cómpre anotarse –entre o 1 e o 16 de xullo- nas dependencias administrativas da Concellería de Cultura, Deportes e Xuventude (na Avda. Naturais 44, entrechán dereita, de Fene ou no teléfono 981340366). A matriculación realizarase por rigorosa orde de inscrición ate cubrir as 25 prazas dispoñibles. O custe da actividade ascende a 33 euros por neno.

Sociedade