Nova senda peonil

Nova senda peonil
11 de Abril, 2026 - 01:01 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene remata a senda peonil do Camiño do Regueiro, que conecta San Valentín con Neda. Unha actuación que dá continuidade ao paseo marítimo e mellora a seguridade e accesibilidade da vía, destacou a alcaldesa Sandra Permui. O proxecto contou cun investimento de máis de 140.000 euros financiados a través do Pos+ 2023 da Deputación da Coruña.

O Concello de Fene vén de rematar as obras da senda peonil do Camiño do Regueiro. A alcaldesa, Sandra Permui; o tenente de alcaldesa, Manuel Polo, e a concelleira de Obras, Mª Carmen Martínez, comprobaron como quedou o traballo realizado que supón un avance importante na mellora da rede viaria e peonil municipal. 

Sandra Permui destacou que “esta actuación permite aumentar a seguridade das persoas usuarias e dar continuidade a un espazo moi utilizado pola veciñanza, como é o paseo marítimo de San Valentín”. A rexedora subliñou tamén que “seguimos avanzando nun modelo de mobilidade máis amable, accesible e sostible, que pon ás persoas no centro das actuacións urbanas”. 

A actuación tivo como principal obxectivo uniformar o aliñamento da vía coa construción dunha senda peonil na marxe esquerda, así como a execución de novas canalizacións de augas pluviais, resolvendo os puntos de drenaxe que presentaban maiores problemas. Esta intervención tamén supón dar un paso decisivo cara á continuidade do paseo marítimo de San Valentín ata o límite con Neda, configurando un itinerario peonil seguro, accesible e integrado no espazo urbano, que facilita os desprazamentos a pé e fomenta unha mobilidade máis sostible. O proxecto contou cun investimento de 140.750 euros, financiado a través do programa POS+ 2023 da Deputación da Coruña.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora