Novas alianzas entre os seres vivos

Novas alianzas entre os seres vivos
31 de Maio, 2024 - 09:43 h. | Publicada por Radio Negreira

O Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) de Santiago de Compostela acolle o próximo luns 3 de xuño "Natureza en (des)equilibrio. Ciencia, arte e comunidade para o coidado do territorio", unha xornada organizada polo Centro de Arte Fundación María José Jove e o Grupo de Investigación HISTAGRA da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e promovido pola Fundación Daniel & Nina Carasso. A xornada enmárcase no proxecto multidisciplinar “Reverdecer. Ecofisioloxía vexetal e conciencia para a conservación de bosques autóctonos” que a través de diferentes accións pretende xerar aprendizaxes de achegamento aos modos de relación co mundo vexetal que abran novas perspectivas para a coexistencia e a xestión consciente dos recursos naturais.

Visita de Reverdecer ao Colexio de Taragoña en Rianxo

No actual contexto de crise socioecolóxica, o estudo das paisaxes tórnase unha cuestión transcendental. As árbores e os bosques, esenciais para a vida e a biodiversidade, están sendo observados con crecente interese desde diversos campos, co obxectivo de entender o seu funcionamiento e súas as interrelacións co territorio de maneira integral. O seu potencial transformador lévanos a imaxinar novas formas de coexistencia, desprazando os paradigmas antropocéntricos e fomentando novas aprendizaxes e alianzas entre os seres vivos.

A xornada preséntase como un espazo de encontro transdisciplinar aberto a investigadores do ámbito académico, artistas, persoas que traballan directamente no territorio e público en xeral, sendo a entrada libre previa inscrición en histagra@usc.es. A través da conexión de perspectivas provenientes da bioloxía, a antropoloxía, a historia, a enxeñaría, a arte e a cidadanía, revisaranse aspectos esenciais da relación interespecies e da loita contra desafíos ambientais críticos, como os incendios. De forma transversal, proponse unha aproximación ao papel das prácticas artísticas como ferramenta de pensamento e detonante de concienciación.

O evento desenvolverase en formato de mesas de presentación e debate.

· Mesa 1: "Comunidades e natureza. Construíndo paisaxes sustentables" (10 a 11.30h). Participarán Emilio Saborido, técnico forestal e educador ambiental e presidente da CMVMC de Fieitoso de Taragoña (Rianxo), que abordará a xestión colectiva do territorio fronte a novos retos sociais e ambientais; Ximena Garrido-Lecca, artista visual, presentará o seu traballo sobre a reconfiguración das paisaxes desde a linguaxe plástica e David Soto, historiador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, falará sobre comunidades e natureza en perspectiva histórica.

· Mesa 2: "Conflitos ecoexistencias. Entre o humano e o non humano"(12 a 13.30h). Pedro Alonso, biólogo experto no estudo do lobo, discutirá os conflitos entre seres humanos e lobos; Frederico Ágoas, sociólogo e investigador do proxecto Burning Landscapes (FIREUSES) da Universidade NOVA de Lisboa, analizará o lume como conflito político e ambiental e Ariadna Silva Fernández, artista visual, exporá o seu traballo “Cartografía do esquecemento”, sobre o monocultivo de eucalipto e os incendios.

· Mesa 3: "Conciencias e conservación. Recuperar e reconstruír relacións perdidas (15.30h a 17h). Coa participación de Cristina Mejías, artista visual, que presentará o seu proxecto "Aprendices errantes" sobre a produción dos saberes cambiantes e multiformes da naturaleza; José A. Cortés, antropólogo e profesor da Universidade da Coruña, falará sobre modelos de conservación da naturaleza e Jesús Ramón Aboal Viñas, biólogo e catedrático de ecoloxía na Universidade de Santiago de Compostela, abordará o tema das cicatrices non curadas da contaminación do século pasado e as súas leccións.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora