As novas jackets

As novas jackets
04 de Decembro, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Ocean Winds asinou un acordo de reserva de capacidade co consorcio Navantia-Windar para fabricar 62 jackets para aeroxeradores que se construirán en Fene (A Coruña), con destino ao seu parque eólico mariño de Dieppe lle Tréport, en augas do norte de Francia. Este proxecto, que se materializará proximamente nun contrato, é o de maior envergadura encargado a Windar-Navantia até a data. O parque francés de Dieppe Lle Tréport contará cunha capacidade de xeración de 496 MW, suficientes para abastecer de electricidade sustentable a unhas 850.000 persoas ao ano a partir de 2026.

O parque é propiedade do consorcio formado pola empresa española Ocean Winds (integrada pola francesa ENGIE e a portuguesa EDP Renováveis), a xaponesa Sumitomo Corporation e a entidade financeira francesa Banque des Territoires. Os traballos de fabricación iniciaranse no estaleiro de Fene no primeiro trimestre de 2023 con duración aproximada de dous anos e catro millóns de horas de traballo. As jackets son un tipo de cimentación fixa realizada en aceiro que serve de base para os aeroxeradores que se instalan no mar. As deste contrato serán jackets de catro patas, cun peso de ao redor de 1.000 toneladas. Ademais, Navantia Seanergies construirá en Puerto Real dúas jackets de subestación, unha delas para a subestación eléctrica deste parque e a segunda destinada ao parque de Îles d´Yeu et Noirmoutier. Os dous proxectos contan con capacidade reservada en Puerto Real desde o pasado xuño.  Este mesmo proxecto tamén dará ocupación adicional a Windar Renovables, que nas súas instalacións de Avilés fabricará 248 piles. Ocean Winds xa anunciou o pasado mes de xullo a contratación a Navantia-Windar en 2022 de 14 monopiles que se construirán na nova fábrica de Fene. Os monopiles son un tipo de cimentación fixa, distinta da jacket, que consiste nun alicerce único para cada aeroxerador. 
Navantia Seanergies é a marca de Navantia para o negocio de enerxías verdes. Foi lanzada en abril de 2022 coa previsión de asinar contratos valorados en 500 millóns de euros nos seus primeiros meses e lograr a medio prazo unha facturación de máis de 350 millóns de euros ao ano. Segundo sinala a empresa nun comunicado, "Navantia é unha empresa pública firmemente comprometida cun futuro sustentable para España, cun forte papel tractor no ecosistema industrial. A compañía aposta polas enerxías verdes a través da marca Navantia Seanergies para traccionar a actividade económica e o emprego nun sector sustentable e con alto potencial de crecemento".

Sociedade

Publica o teu comentario agora