As novas tecnoloxías nas botaduras

As novas tecnoloxías nas botaduras
22 de Setembro, 2022 - 10:49 h. | Publicada por Radio Fene

O enxeñeiro naval e secretario de Exponav Raúl Villa abrirá esta tarde o programa de divulgación científica Contandociencia que organiza a Biblioteca O Segrel do Penedo, do IES de Fene, co apoio do Concello de Fene. A conferencia sobre a botadura do petroleiro Arteaga será ás sete e media, na Casa da Cultura de Fene.

ESCOITA O PODCAST:
Raúl Villa en Radio Fene

Contra o que puidera parecer, os avances tecnolóxicos non implican moitos cambios na operación de lanzamento ao mar dun buque. Houbo pequenas variacións, pero a botadura continua sendo un fito de importancia no proceso de construción dun barco. Dura menos de un minuto pero require dunha laboriosa preparación. Quizais por iso, a cidadanía de máis idade da comarca lembra a botadura do Arteaga, o petroleiro de 325.000 toneladas encargado por Petronor. De toda Europa, Chile e Xapón viñeron técnicos para observar a manobra. O risco radicaba no enorme peso e dimensións do buque e polo tanto na velocidade que podía alcanzar na grada. Podía partirse ao entrar en contacto coa auga, encallar no fondo da ría ou ir bater contra a costa da outra banda da ría. A impecable botadura incrementou o prestixio de Astano nos estaleiros dos cinco continentes, convertíndose en símbolo de profesionalidade e bó facer dos seus operarios.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora