Novelas premiadas

Novelas premiadas
08 de Novembro, 2023 - 12:14 h. | Publicada por Radio Redondela

A botella de lentellas, de Leticia Barbadillo; Furia, de María Reimóndez, e Ninguén  contará a verdade, de Pedro Feijoo, presentaranse o sábado, 18 de novembro, ás  19.30 horas no Centro Social do Mar de Bueu. Deste xeito, a vila do Morrazo  acollerá a primeira presentación conxunta das tres obras gañadoras dos  Premios Xerais 2023, que se entregaron no Parador de Baiona o pasado 28 de  outubro. O acto organízao Xerais con Libraría Miranda —cuxo libreiro, Fernando  Miranda, foi xurado do Premio Xerais de Novela 2023— e conta coa colaboración do  Concello de Bueu.  

Esta é unha edición especial para estes galardóns, xa que o Premio Xerais de Novela  chega ás 40 edicións. Neste tempo, este recoñecemento converteuse nun referente.  Así, a través das novelas gañadoras do Premio Xerais de Novela que se publicaron  dende 1984, pode facerse un estudo das derivas e tendencias da escrita en Galicia.  A literatura galega dos últimos 40 anos non se entende sen os Premios Xerais.  

Ninguén contará a verdade, de Pedro Feijoo, XL Premio Xerais de  Novela  

Marosa Vega, unha talentosa e hábil xornalista que foi despedida por querer sempre  investigar de máis, acepta un encargo moi especial dun antigo compañeiro: Salva  Lamas pídelle axuda para desentrañar un caso de corrupción política que afecta ao  presidente da Xunta de Galicia e que está a deixar un regueiro de vítimas. 

Construtores, banqueiros, avogados, altos cargos políticos, directivos de medios de  comunicación... Todos teñen participación e obteñen beneficios da Administración  pública: a empresa, «a máquina de verdade», como lle chaman. A súa ambición é  absolutamente desmedida e son capaces de calquera cousa, por terrible, violenta e  destrutiva que sexa, con tal de conseguir o que lles corresponde pola súa  colaboración en favor do partido político no poder. 

Ninguén contará a verdade, de Pedro Feijoo, é unha novela minuciosamente  documentada, ousada e adictiva. Un texto de absoluta actualidade sobre a  corrupción política e as súas consecuencias en cuxa trama de ficción calquera  lector informado pode atopar referentes reais claros. 

Pedro Feijoo (Vigo, 1975) é escritor. Exerceu profesionalmente como músico,  cunha intensa traxectoria como produtor, compositor e membro dalgúns dos máis  salientables proxectos musicais galegos. Deuse a coñecer como ensaísta co seu libro  Cousas do ‘Galicia’, por Castelao (1997), ao que seguiu a crónica Viva o Fu Remol! (2005). Como narrador publicou as seguintes novelas: Os fillos do mar (2012),  Premio Arcebispo Juan de San Clemente 2013; A memoria da choiva (2013), Premio  Arcebispo Juan de San Clemente 2015; Morena, perigosa e románica (2015), Os fillos  do lume (2017), Sen piedade (2018) e Un lume azul(2019). Ademais, publicou o libro  Camiñar o Vigo vello (2018). 

Furia, de María Reimóndez, XV Premio Jules Verne de Literatura  Xuvenil 

Tras a morte da súa nai, Cecilia, unha adolescente de dezaseis anos, non sabe como  convivir coa dor. Por se non fose pouco, unha pandemia, un cambio de casa, a  precariedade e a incomunicación coa súa tía avoa énchena de rabia ante o mundo  que a rodea.  

Cando a cousa parece que xa non podería empeorar máis, atópase co boxeo. Grazas  a este deporte e a unha serie de persoas que a acompañarán, Cecilia atopa a  confianza nas propias forzas para buscar unha vida plena, para atopar o seu lugar  seguro. Furia non é só a historia dunha moza que se enfronta á perda e á dor, senón  unha reflexión sobre os afectos e o valor verdadeiro, un canto de amor ao boxeo e  unha constatación da importancia de termos sempre alguén na nosa esquina  que nos guíe á hora de evitar os golpes eludibles e nos acompañe para  encaixar os inevitables. 

María Reimóndez (Lugo, 1975) é tradutora e intérprete de profesión e feminista  por convicción. Conta cunha ampla lista de títulos, dende a poesía ao ensaio, pasando  pola narrativa. Como poeta destaca Galicia en bus (2018), co que gañou o Premio de  Poesía Johán Carballeira, e en ensaio, a obra Feminismos (2013), en coautoría con  Olga Castro. Como narradora para o público mozo destacan Usha (2006); Corredora 

(2017); Fóra do normal(2018), Premio Agustín Fernández Paz; A formiga destemida (2020) ou Bárbaras! (2021). Para persoas adultas, O club da calceta (2006), Premio  Arcebispo Xoán de San Clemente 2007, traducida ao castelán, italiano e francés e  adaptada á escena e ao cine ou as novelas do Ciclo dos Elementos: En vías de  extinción (2012); Dende o conflito (2014), Premio Xerais de Novela; A música dos 

seres vivos (2015); As cousas que non queremos oír (2017) e As estacións do lobo (2019). Na colección Milmanda publicou Cobiza (2021), I Premio Literario Pinto e  Maragota á diversidade sexual e de xénero, e Multitudes (2023). 

A botella de lentellas, de Leticia Barbadillo, XXXVIII Premio Merlín  de Literatura Infantil 

Manuel é un neno que pasa moito tempo só na casa, xa que o pai traballa demasiadas  horas repartindo paquetes e á súa avoa, enferma, tiveron que levala a unha  residencia. O martes de Entroido, bota en falta as orellas que lle preparaba a avoa e  decide facer el unhas poucas. Como quere seguir a receita exacta da avoa, emprega  a súa botella chea de lentellas para estiralas, que acaba escachando e estrando de  legumes o chan. Antes de deixarlle comer as orellas, a avoa sempre lle contaba as  historias que esas orellas escoitaran. Agora que ela non está, será Manuel o  encargado de imaxinar os relatos que escoitaron os doces que el mesmo preparou:  sorprendentes historias protagonizadas todas elas por lentellas. A través deses  relatos, que unen tres xeracións dunha mesma familia, o neno protagonista  aprende a asumir a ausencia da avoa, a comprender a súa realidade social e  familiar, e a sentirse un pouco máis unido ao pai. 

Leticia Barbadillo Vázquez (A Coruña, 1983) estudou Comunicación Audiovisual  porque quería ser guionista. Hai uns anos, reconduciu a súa carreira cara ao ensino  e traballa como mestra de Educación Infantil na escola pública. Nai de tres fillos,  participou nos blogs colectivos Se o vello Simbad tivese fillos e Sobre as cousas.  

A botella de lentellas é a súa primeira obra.

Cultura

Publica o teu comentario agora