Novo alumeado para o parque

Novo alumeado para o parque
04 de Novembro, 2026 - 02:14 h. | Publicada por Radio Fene

 O Concello de Fene renovará a iluminación do Parque Castelao con novas torretas e proxectores LED. A actuación permitirá mellorar a visibilidade e as condicións de uso do parque mediante un sistema de iluminación máis eficiente. A instalación en altura busca tamén reducir os danos provocados polos reiterados actos vandálicos e roubos que afectan ás luminarias actuais, segundo anunciou a alcaldesa, Sandra Permui.

Catro novas torretas equipadas con proxectores LED de alta capacidade luminosa renovarán o alumeado do Parque Castelao, segundo anunciou o Concello de Fene. A intervención permitirá mellorar a visibilidade nas diferentes zonas do recinto e substituír o actual sistema por unha solución máis eficiente, resistente e adaptada ás características deste espazo público. O proxecto busca resolver os problemas que presenta actualmente a iluminación do parque, baseada en boa medida en luminarias instaladas a nivel do chan. A súa localización fai que estes elementos estean moi expostos a actos vandálicos, danos e roubos, incidencias que se veñen producindo de maneira reiterada e que dificultan manter a instalación en correcto funcionamento.

A solución prevista polo Concello supón substituir os puntos de luz situados a baixa altura por catro torretas con proxectores LED elevados, o que permitirá ampliar a cobertura do alumeado e tamén dificultar o acceso aos elementos da instalación. A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, explicou que “a actuación busca resolver un problema que se vén repetindo no Parque Castelao. As luminarias situadas a nivel do chan son especialmente vulnerables e os danos e roubos acaban afectando á iluminación do conxunto do espazo, polo que consideramos necesario buscar unha solución diferente e máis resistente”. Mellor cobertura e máis eficiencia son outros aspectos positivos do proxecto. O concelleiro de servizos, Adán Chao, indicou que a nova configuración está pensada para conseguir unha maior cobertura e evitar os puntos débiles que presenta o sistema actual”. 

Institucional

Publica o teu comentario agora