ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
O espectáculo de danza “Hildegar” ou a obra teatral “Life is a paripé”, os concertos da agrupación Jerez-Texas da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, do Cuarteto Wihan da República Checa ou do artista local Marcos Mella son algunhas das propostas que nos eidos da música e das artes escénicas o Concello de Ferrol deseñou para o vindeiro mes de xaneiro dentro da súa programación cultural. Avanzo
As actividades culturais arrincan no Teatro Jofre o vindeiro 7 de xaneiro co Concerto de San Xiao, ás 20.30 horas. Será interpretado por Jerez-Texas. Na cidade departamental presentarán o seu álbum “Sun”. Acompañárannos a cantaora e bailaora Isabel Julve e do trompetista David Pastor. As entradas para asistir a este concerto están á venda ao prezo de 8 euros.
Tamén no eido musical, o Teatro Jofre acollerá o 11 de xaneiro unha actuación promovida pola Sociedad Filarmónica Ferrolana en colaboración co Concello: a da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia que interpretará a “Sinfonía Nº3” de Sibelius e a “Sinfonía Nº1” de Tchaikovsky, ás 20.30 horas. As entradas nesta ocasión poderanse aquirir a 7, 12 e 15 euros.
Por outra banda, o día 15 a Capela do Torrente Ballester será escenario dun Maratón musical. Nel participarán as formacións musicais que na actualidade empregan os Locais de Ensaio postos en marcha polo Concello de Ferrol.
A música clásica regresará ao teatro ferrolán o 25 de xaneiro da man do Cuarteto Wihan. A programación musical pecharase o 27 de xaneiro co artista local Marcos Mella, quen presentará o traballo discográfico “12 canciones sin nombre y un poema dedicado”.
En canto ao teatro, continúa o ciclo Escena Familiar. Nesta ocasión, as funcións correrán a cargo de Elefante Elegante, que presentará “Tristán cara de can”. Será os días 8 de xaneiro ás 18.00 horas e o 9, ás 12.00 horas, e as entradas terán un prezo de entre 2 e 5 euros. O mesmo sábado, 8 de xaneiro, o teatro chegará ao Jofre da man de Obras Públicas e o seu espectáculo “Life is a paripé”, que se poderá ver a partires das 20.00 horas enmarcado dentro do novo ciclo “...Con humor”. O autor deste espectáculo de humor dividido en once escenas é o naronés e Premio Max de Teatro José Prieto. O prezo das entradas é de 10 euros.
No marco do ciclo de teatro afeccionado Domingos a Escena, celebraranse catro novas funcións os días 9, 16, 23 e 30 de xaneiro. Estas serán escenificadas polo Grupo de Teatro Mulleres Mugardesas, Menudo Grelo e Pandemia, O Aturuxo de Melpómene e Axóuxere. A programación teatral completarase con Bartoleta Teatro, que o día 21 presentará na Capela do Torrente “Maqui o Navallas”, ás 20.00 horas, con entrada de balde.
No eido da danza-teatro, o Teatro Jofre recibirá o día 16, ás 19.30 horas, a Teatro del Velador, que representará “Hildegar”, a historia dun mozo que fala da súa nai á que nunca coñeceu e á que imaxina como unha muller sutil e bela creando no escenario diferentes imaxes súas, sempre bailando e en festas. As entradas custan 7 euros. Dentro do ciclo “Dentro da caixa”, actuará o día 13 a compañía Mopa co espectáculo “Espérame despierto”, que se poderá ver a partires das 20.30 horas no Teatro Jofre.
As entradas para asistir a estes novos espectáculos pódense adquirir no Punto de Información Cultural (PIC) no horario de atención ao público -de martes a domingo, de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00 -os días de función ata o seu inicio-. Tamén na web www.ferrol.es/jofre.