ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Traballando nos temas que quedaran riba da mesa o venres, empezando a darlle unha volta a propostas de organización do novo Goberno e recibindo parabéns dentro e fóra do Concello. Así comezou Juventino Trigo o novo mandato como alcalde, logo da súa reelección para o cargo no pleno de constitución da Corporación de Fene saída das Eleccións do 28 de maio.
“Todo indica que será un mandato máis tranquilo e iso é bo para o Concello”, destaca o alcalde en declaracións a Radio Fene. Logo da toma de posesión, agora toca decidir sobre a organización da vida municipal, que debe aprobar o Pleno. Será nuns días e o alcalde quere consensuala co resto de grupos. Para a formación do novo Goberno, primeiro de nada “teremos que xuntarnos para ver como se van distribuír as áreas de goberno, non é cousa exclusivamente do alcalde, temos un grupo moi cohesionado e vou traballar tamén contando coas preferencias dos concelleiros e concelleiras”, pero non se prevén moitos cambios. “Non vai haber moitos cambios no Goberno, pode haber algunha área que se reestruture, somos un máis e o traballo se pode repartir doutra maneira”, en referencia á incorporación dun concelleiro máis do BNG, Adrián Chao. O alcalde dá por feita a reedición do pacto con Esquerda Unida. “Xa lle transmitimos que contabamos con eles. Se non hai ningunha cousa que se torza, contamos con ela para formar o Goberno”. Co PSOE falará nos próximos días para coñecer a súa disposición, aínda que nun primeiro momento dixeron que non vían a súa incorporación ao Goberno. Tamén se dirixirá ao Partido Popular para presentarlle a proposta de organización municipal. “A nosa intención é que sexa o máis consensuado posible”, subliñou o rexedor que comezou o mandando festexando outro éxito futbolístico do Perlío “onte pola tarde fun ver a final de Copa”. Este luns “o primeiro foi botar unha parrafada” sobre os acontecementos dos últimos días.
Publica o teu comentario agora