Novos datos sobre o "caso Rosón"

Novos datos sobre o "caso Rosón"
14 de Abril, 2025 - 12:10 h. | Publicada por Radiofusión

A familia de Antonio Rosón conseguira o secuestro da revista Interviú no número onde se dicía que Rosón era un represor. No libro de Luís Lamela publicado por Laiovento Golpistas e represores. Retratos e memoria histórica de falanxistas galegos inclúese o expediente de Antonio Rosón. El mesmo confesa todo o que fixo nas semanas posteriores ao 18 de xullo de 1936 nun escrito dirixido ao gobernador civil de Lugo de 1946. 

Fotografia Xan Xe

Varios números da revista Interviú foron secuestrados por orde xudicial en 1978. A publicación dun artigo denominado “Los Rosón, azote de Galicia” motivara unha denuncia da familia de Antonio Rosón, daquela presidente da Xunta de Galicia. Semanas despois, outro xulgado levantou o secuestro e se puido distribuír a revista coa reportaxe sobre a actividade na represión antifranquista da familia Rosón Perez. 
Para o historiador Luís Lamela, as testemuñas orais non son totalmente fiábeis. Unicamente poden servir de complemento á hora de falar da represión franquista. A fonte principal para escribir o libro foi a documentación escrita dos arquivos.
En Galiza os falanxistas son os grandes esquecidos da Memoria Histórica. Porque, eles non foron os que sufriron a represión, e si en cambio foron os que a executaron, os que fixeron sufrir aos seus semellantes, xogando un papel fundamental á hora de construír o Novo Estado franquista, aínda que as intencións idealistas dos falanxistas de primeira liña chocaron considerablemente coa realidade política galega de entón. Comeza así o libro de Lamela.  
Ata o de agora recuperáronse os nomes, e tamén a dignidade, da maioría dos individuos asasinados en Galiza durante a represión falanxista, pero non se recuperou a memoria de todos os que, ou ben colaboraron, ou ben a executaron: ninguén ousou axustar contas. Será que os verdugos e delatores resultan máis incómodos de abordar que as súas vítimas

Imaxe Luis Lamela en Radio Fene

Fotografía Xan Xe
 

Institucional

Publica o teu comentario agora