A nulidade do decreto eólico supoñería paralisar 5.000 millóns de euros de investimentos

A nulidade do decreto eólico supoñería paralisar 5.000 millóns de euros de investimentos

05 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

A hipotética anulación do decreto eólico supoñería paralisar os 5.000 millóns de euros dos proxectos industriais asociados ás 29 concesións realizadas polo goberno bipartito. Dous periódicos de Galicia anuncian hoxe a pretendida intención da Xunta de Galicia de anular mañá no Consello a citada disposición. No seu dia, Endesa presentou o único recurso contra o decreto.

Fontes xurídicas consultadas por Radiofusión indicaron que a anulación do citado decreto só se podería aprobar contando cun informe previo do Consello Consultivo de Galicia, que non se ten solicitado. A outra via sería considerar que a adxudicación de decembro do 2008 é lesiva para o interese público e presentar o correspondente recurso diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. En calquera caso, semella factible que os 29 adxudicatarios de decembro presenten reclamacións e demanden indemnizacións.

 

O Consello da Xunta de Galicia, en decembro do 2007, aprobou o denominado decreto eólico, recollendo as apreciacións formuladas dende o Consello Consultivo de Galicia. Así a participación pública nos proxectos pasou de ser un requisito e considerala como mérito. O artigo 9 do decreto fixaba inicialmente como obrigatoria a participación pública ao menos nun 10%. O, naquel momento conselleiro de Innovación e Industria Fernando Blanco, valorou como transparente o sistema de adxudicación e defendeu a participación pública nos proxectos como fórmula para garantir o interese social. 

 

En decembro do 2008, a consellería de Innovación e Industria repartiu un total de 2290,72 megavatios. Os grupos máis favorecidos resultaron ser Eólica Galenova (235) Aucosa (216) e Ventos Cooperativos (192), vencellados con Caixa Nova, co sector conserveiro e co proxecto de criación dun grupo lácteo galego. 

Sociedade