Nunca me enfrentei a nada igual como profesor

O centro Jorge Juan de Perlío recibe mañá aos primeiros alumnos
09 de Setembro, 2020 - 11:42 h. | Publicada por Radio Fene

O colexio Jorge Juan de Perlío acolle a uns 550 alumnos este curso cumprindo co protocolo e ratios que, de media, supoñen 20 alumnos por aula.

ESCOITA O PODCAST:

“Intento manter a calma e facer todo o que se nos pide” afirma o director do colexio Jorge Juan de Perlío, Angel del Río un día antes de que arranque o novo curso escolar. O centro acollerá aos 550 alumnos matriculados escalonadamente, entre o 10 e o 18 de setembro, segundo os niveis educativos. Os primeiros en acceder ao centro serán mañá día 10 os alumnos e alumnas de infantil e 1º e 2º de primaria. O venres día 11 entrarán os de 3º e 4º, para rematar o luns 14 cos de 5º e 6º. Entre o 16 e 18 producirase a incorporación do alumnado da ESO. 1º e 2º o día 16; os 3º o día 17 e finalmente os 4º o día 18 de setembro.

O centro ten establecidas as pautas de entrada e saída por distintas portas para garantir as distancias, e nas aulas elimináronse todos os obstáculos e elementos supérfluos para gañar espacio. Afirma Angel del Río que manteñen os 39 profesores que tiñan pero agardan un máis para poder desdobrar un aula. En caso de producirse un positivo en Covid19, reservaron un aula especial para o illamento á espera de que o Sergas dictamine como hai que proceder co afectado.

“A experiencia é única. Nunca me enfrentei como profesor a algo igual” afirma o director da Jorge Juan quen adoptou outras medidas paralelas para os espazos de lecer. O patio do centro dividiuse por zonas para distribuir os doce cursos de primaria e utilizarase o pavillón cuberto dividindo espazos que separen a primaria de secundaria. En relación coa ratio, Angel del Río explica que esta varía segundo os cursos. En infantil lévase mellor porque as aulas non pasan de 16 ou 17 alumnos. En primaria, en xeral a media é de 20 alumnos por aula, agás en 6º que aumenta a 25. Na ESO a media está nos 20 alumnos por aula.

Non descarta a Jorge Juan a utilización das aulas virtuais para o que se está formando o profesorado. Manexan dúas posibilidades; utilizar a aula virtual se a establece a Xunta de Galicia ou habilitar unha plataforma o propio centro. Serviría para utilizala en caso de producirse algún problema coas clases presenciais e paralelamente serviría como canle de comunicación cos país e nais do alumnado.

 

(Imaxe do director, Angel del Río)

Cultura

Publica o teu comentario agora