Nutrida marcha en Vigo en defensa da sanidade pública

Nutrida marcha en Vigo en defensa da sanidade pública

13 de Maio, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Unha multitudinaria manifestación percorreu na tarde noite de onte as rúas centrais de Vigo en defensa da sanidade pública. Protestaban contra os recortes e a privatización do Hospital Álvaro Cunqueiro e contra o desmantelamento do Meixoeiro. Arredor de 50.000 persoas manifestaron o seu descontento coa xestión sanitaria da Xunta de Galicia.

O modelo público-privado co que se construíu e puxo en marcha o Álvaro Cunqueiro, as deficiencias na súa xestión o futuro das instalacións do Meixoeiro ou os problemas na atención primaria foron só algúns dos motivos que levaron a decenas de milleiros de persoas de Vigo e da súa contorna a responderen ao chamado da Xunta de Persoal da área sanitaria e mais da plataforma SOS Sanidade Pública.

"Sanidade pública e de calidade" ou "queremos hospital, non centro comercial" foron algunhas das consignas máis reiteradas nunha protesta na que non se obviou, nin de lonxe, a proximidade das novas eleccións xerais e, sobre todo, dos comicios galegos de outubro. "Vigo é a tumba do PP", escoitouse durante unha protesta encabezada por profesionais do sector sanitario e representantes do persoal do CHUVI, pero na que tamén estaba presente o alcalde da cidade, Abel Caballero, así como representantes das forzas políticas da esquerda, como o voceiro de AGE e líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, a portavoz nacional e candidata do BNG á Xunta, Ana Pontón, ou a 'número tres' de Podemos, Carolina Bescansa.

Sociedade