O éxito dos mellores e o fracaso dos peores

O éxito dos mellores e o fracaso dos peores
15 de Xaneiro, 2021 - 11:52 h. | Publicada por Radio Fene

O currículum escolar da nova lei educativa, a introdución de "Valores cívicos e éticos", a meritocracia e o fracaso escolar ou o ensino especial son outros aspectos a valorar.

Hai varios aspectos cruciais da nova lei de Educación aprobada no Congreso dos Deputados o pasado 19 de novembro que merecen unha reflexión. Un deles é o currículum escolar, os contidos para cada etapa educativa e os procedementos pedagóxicos máis acaídos para a formación do alumnado. Ese é o grande reto ao que nunca se lle da solución. Nesta ocasión semella que tampouco porque, segundo o filósofo e profesor Miguel Vázquez Freire, “facelo supón remover vellas inercias que en España se remontan á Lei Moyano de 1857”. Contidos sobrecargados, cerrazón a iniciativas innovadoras, incremento de materias e procedementos de avaliación centrados nos exames... Para ilustrar estas dificultades non temos máis que ver a liorta da vella “Educación para a cidadanía” que agora se denominará “ Valores cívicos e éticos” mentres desaparece Ética de 4º da ESO. Boa parte do profesorado de Filosofía *fartouse de sinalar que unha hora semanal non permite desenvolver os obxectivos da materia. En xeral hai na nova lei declaración de boas intención pero pouco compromiso de cambio. 

Hai outro aspecto da nova lei que suscitou polémica, o chamado “ensino comprensivo” que defende a ministra Celáa fronte ao “ensino segregado” que defende a dereita. A lei pretende que o sistema educativo público garanta o acceso da totalidade da poboación a unha formación básica común. No outro lado está quen defende un sistema competitivo de selección que fomente o éxito dos mellores e castigue o fracaso dos peores (meritocracia & fracaso escolar). Este modelo é consubstancial ao ensino privado e paralelo a outros sectores como a sanidade. A lei Celáa introduce modificacións á lei Wert neste sentido, eliminando fórmulas segregadoras que tiñan que ver cos itinerarios, as repeticións de curso ou as reválidas.

A gran polémica saltou tamén cos dous modelos de ensino especial. Os defensores da inclusión pretenden que o alumnado con diversidade funcional se integre nos centros de ensino común aos que se dotará de medios e persoal de apoio específico. Isto non implica o peche de centros de ensino especial como se intentou facer ver pola outra parte. A educación infantil regulada desde os 0 anos é outra intención lexislativa para corrixir o que sucede na actualidade nesta etapa, co nacemento de centros que son un negocio sen criterios pedagóxicos e sin esixirlles a profesionalidade pedagóxica ao seu persoal.

Queda claro que é necesario un gran debate contando con expertos na materia para atinar no fondo da transformación educativa. Mentres os intereses privados sigan tendo tanto peso sobre o interese público, non haberá nada que facer.

* VAZQUEZ FREIRE, MIGUEL As trampas do consenso. Revista Tempos Novos nº 284. Santiago de Compostela. Xaneiro 2021

(Na imaxe, escola de Sillobre. Maio 2018)

Cultura

Publica o teu comentario agora