O 112 atendeu máis de 9.000 chamadas durante a alerta laranxa

O 112 atendeu máis de 9.000 chamadas durante a alerta laranxa

09 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia xestionou 9.899 chamadas, presentou 1.088 incidencias e mobilizou a 1.746 recursos entre todo o día de onte e ata as 19.00 horas de hoxe. Onte, día 8 de febreiro, foron 6.567 as chamadas recibidas, 435 as incidencias rexistradas e 766 os recursos avisados.

Hoxe, tan só ata as 19.00 horas, respondéronse 3.332 chamadas, houbo 653 incidencias e mobilizáronse 980 recursos. Ningunha emerxencia quedou sen atención e os parámetros de tráfico de chamadas e tempos de resposta non variaron substancialmente respecto aos dun día normal. A partir das 19.00 horas a situación baixou a nivel de alerta amarelo e agárdase volver á situación de nivel de alerta verde --ausencia de risco-- nas derradeiras horas desta noite. No relativo ás incidencias nos abastecementos de electricidade, telefonía e outros servizos públicos, esta tarde ás 18.00 horas había --segundo datos facilitados por Unión Fenosa-- 6.200 abonados afectados por cortes de subministro: 3.500 na provincia da Coruña, 1.700 en Lugo e Ourense e 1.000 en Pontevedra. Responsables de Unión Fenosa informaron tamén de que, salvo no Concello de Mañón, non existía ningún núcleo de poboación de relevancia afectado polo corte de subministro e que contaban con restablecelo ao longo desta xornada. Doutra banda, segundo información facilitada por Telefónica S.A., ás 17:15 horas de hoxe, había un total de 210 liñas afectadas e incidencias en 6 centrais de telefonía fixa --4 en Lugo, 1 en Pontevedra e 1 en Ourense-- e en 40 estacións base de telefonía móbil --14 na Coruña, 8 en Lugo e 18 en Pontevedra--.

Sociedade