O 5º Premio Biblos- Pazos de Galicia fállase este venres

O 5º Premio Biblos- Pazos de Galicia fállase este venres

09 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

A quinta edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia fállase este venres no transcurso dunha cea literaria na Casa Grande do Bachao nas inmediacións de Santiago de Compostela. Actuará o cuarteto de clarinetes Xerión e o xurado optará entre as obras dos finalistas, Zeltia Regueiro do Temple (Cambre) e Pablo Garcia Martinez de Arzúa.

Teñen confirmada a súa asistencia ao acto o conselleiro de Cultura e o director xeral así como grandes personalidades da literatura, a música e o cine.
Este ano será o xornalista e escritor Manuel Rivas quen actúe como titor. Prestixioso autor tanto nos eidos da creación en prosa e poética como no do ensaio, coñece desde moi novo o traballo coas palabras (aos quince anos xa andaba pola redacción de El Ideal Gallego) e preséntase como un candidato idóneo para asesorar o gañador ou gañadora do premio á hora de ultimar a súa obra.
O autor que gañe, ademais, disporá de todo o mes de outubro para, se o desexa, permanecer aloxado con todos os gastos pagados na Casa Grande do Bachao de Pazos de Galicia e rematar o texto nun ambiente de tranquilidade.

Nado na Coruña en 1957, Rivas estudou Ciencias da Información en Madrid, foi subdirector do Diario Galicia, dirixe Luzes de Galicia e as súas colaboracións teñen sido publicadas polos principais xornais galegos e españois, mantendo na actualidade unha colaboración regular con El País onde amosa a súa sensibilidade especialmente en temas sociais e ecolóxicos. Desde o seu compromiso irrenunciable co noso país e co idioma galego, Rivas soubo darlle á súa escritura a agudeza da orixinalidade na mirada, a beleza poética e unha tenrura que foron quen de facerlle un sitio do panorama da literatura mundial. Recoñecido por premios como o da Crítica en Galicia e Española e o Premio Nacional de Narrativa, ademais do Torrente Ballester ou o San Clemente, José Luís Cuerda dirixiu a adaptación ao cine de textos de ¿Qué me queres amor? en A lingua das bolboretas e Antón Reixa fixo o propio con O lápis do carpinteiro.

O Cuarteto de Clarinetes Xerión

O cuarteto de clarinetes Xerión fórmase no ano 2008 coa finalidade de promulgar o repertorio musical existente para esta formación. Tódolos membros do grupo constitúen un eixo importante dentro do mundo clarinetístico en Galiza. Estamos a falar de Lola García, Mariola Gil, Juan Pérez e Joaquín Meijide. Aínda que proveñen de diferentes cidades e vilas da nosa comunidade, é A Coruña a cidade de unión de todos eles. Realizan os estudios musicais nos conservatorios superiores de Música da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela e perfecciónanse na especialidade de clarinete coa obtención dun Máster en Interpretación de clarinete na Universidade da Coruña, no Curso de perfeccionamento clarinetístico da Aula de Música da Universidade de Alcalá de Henares e no Conservatorio de Rótterdam coa obtención do Postgrado de Clarinete Baixo cum laudem e a Linceciatura superior en clarinete cum laudem. Participaron en numerosos cursos de perfeccionamento con profesores como José Luis Estellés, Henri Bok, Antony Pay, M.Lethiec, Hans Deinzer, Fabrizio Meloni, entre outros.

Sociedade