O aceite prohibido polos Reis Católicos

O aceite prohibido polos Reis Católicos
23 de Maio, 2021 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

O aceite segue a ser en Galicia unha asignatura pendente.

Moi curiosa é a primeira crítica escrita da gastronomía galega feita por Estragón no comezo da era cristiá. Escribiu o seguinte: “ Os callaicos comen a carne do macho cabrío…, viven dous terzos do ano de xantar landras, que secan e moen para facer o pan e conservalo moito tempo; tamén beben zhytos, unha especie de cervexa; no canto de aceite gustan da manteiga”. Desde entón cargamos coa coa etiqueta da dieta dos bárbaros, ou sexa: cebada, manteiga e cervexa, ben distinta da romana, a base de trigo, aceite de oliva e viño. O aceite segue a ser en Galicia unha asignatura pendente. Os romanos plantaron nesta terra moitas oliveiras, mesmo fundaron vilas olívicas como Vigo, pero houbo que arrincalas polas trabas dos Reis Católicos- unha oliveira, un real- outra das normas da “Castración do Reino de Galicia” . Favoreceron outras zonas do reino, prohibindo aquí o seu cultivo. 

Quedan unhas poucas oliveiras nos vales de Quiroga. Segundo conta Fausto Galdo, o último muíño en activo, movido por cabaleirías, quedou en Bendilló e ten uns 300 anos, restaurado polo concello de Quiroga en 1993. É propiedade de Guillermo Nogueira. Está formado por unha "pía de moer", que é a pedra circular con canles nas marxes, e que leva no interior outra roda, a "Moema" que vira grazas á forza dun burro ou mula. A oliva vana botando coas mans nunha tolva de madeira, da que cae aos poucos e vaise esmagando. Unha vez convertida en pasta, pásase ao lagar e se prensa para obter o aceite. O óso utilízase como combustible. O producto resultante é unha delicatessen que no ano 2010 deu para a venda uns 10.000 litros.

Famosos son tamén os aceites de Montefurado e Monterrei. Na provincia de Ourense medraba e producíase aceite exquisito nas ribeiras do Sil, do Miño e do Avia e nos vales de Monterrei e Lemos, ata que houbo unha peste. Hai teorías que din que as oliveiras deixaron de coidarse no século XVIII, cando Antonio Raimundo Ibáñez, antes de facerse a fábrica de Sargadelos, importaba aceite dende o sur de España, trocándoo por augardente do país. Máis tarde aumenta o volumen da importación para satisfacer a necesidade das conserveiras de peixe. O noso é un aceite espeso, verde, de sabor moi áspero, forte, ácido, bo para ensaladas, para untar no pan e para o polvo á feira. Os paisanos gostan del tamén como untura para certas doenzas da pel. Atopamos no refraneiro popular: “ O aceite é armeiro, Ferreiro, reloxeiro, cociñeiro e curandeiro”. Ou este outro: “Aceite, viño e amigo, mellor cando máis antiguo”

 

(Na imaxe, muíño de aceite de Bendilló)

Cultura

Publica o teu comentario agora