O Antroido da tradición e da renovación

O Antroido da tradición e da renovación

11 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Antroido é a festa máis importante do ano en Fene. Refléxase así a tradición do Carnaval neste Concello da provincia da Coruña. O libro “Fene vai de Antroido” explica como se celebraba o festexo desde comezos do século XX. O enterro do meco, o testamento do Antroido, a Orquestra Local son algunhas das peculiaridades da celebración na localidade.

A asociación O Tadetas impulsou a publicación do libro coa colaboración do Concello de Fene e da Deputación da Coruña. Xosé María Permuy da asociación cultural expresou a súa vontade de continuar a recuperar fotografias do Antroido de Fene. A xornalista María Xesús Arias referiuse á José Benito Puentes, quen foi correspondente en Fene de Faro de Vigo e de La Voz de Galicia e que representa a memoria viva do Carnaval, xa que o seu pai era un dos organizadores do festexo a comezos da pasada centuria. Tamén lembrou a Xoan Rodriguez Carballo, o Tadetas, quen recuperou a tradición de disfrazarse en pleno franquismo.

O vicepresidente da Deputación da Coruña Pablo Villamar chamou a implicarse na festa do Antroido, falando da diferencia entre comprometerse e implicarse. "Diante dun prato con ovos fritidos e chourizo, vese que a galiña comprometeuse ao poñer os ovos, pero o porco implicouse porque tivo que morrer para producir o embutido" indicou Villamar invitando ao numeroso público asistente a implicarse e vivir a festa do Antroido. O alcalde de Fene Iván Puentes referiuse ao papel dos testamentos do Antroido, como resumos lúdicos da actualidade no Concello ao longo de todo un ano. O primeiro rexedor, con ironía, tamén reclamou a recuperación da benevolencia co que os testamentos dos anos oitenta trataban aos representantes municipais.

Cultura