O ascensor convértese en necesidade

O ascensor convértese en necesidade
24 de Marzo, 2021 - 09:03 h. | Publicada por Radio Fene

Un acontecemento que non podemos deixar pasar ao falar de San Valentín remóntanos  aos anos 2003-2004. Trátase da xestión da instalación dos ascensores nos bloques. Cando empezan a ocuparse as vivendas da cooperativa en maio de 1971 ninguén repara na necesidade dos ascensores. “Eramos xóvenes, non pensabamos niso” afirma José Manuel Ardao González, un dos primeiros traballadores de Astano que se traslada ao novo barrio.

ESCOITA O PODCAST:

É o propio Ardao, veciño do bloque 11, quen traslada por primeira vez esta iniciativa á xunta da comunidade por un suceso casual, a súa muller lastima un pé e teñen problemas para acceder ao piso. Cando sae prexubilado prantéxase ter ascensor ou trasladarse a vivir noutro sitio. O proceso para instalar os primeiros ascensores nos tres portais do bloque 11 levou varios anos, desde 2004 a 2007. “Os atrancos a salvar foron moitos” di José Manuel Ardao quen nos resume os seguintes pasos: Redacción do proxecto conxuntamente coa empresa OTIS; petar nas portas das Consellerías implicadas: Industria, Benestar Social e Vivenda e solo. Tamén nas do Concello de Fene, así como xestionar uns préstamos asequibles con Caixa Galicia.

As dificultades técnicas eran moitas pero presentaron uns argumentos de peso ben acaídos coa nova lexislación, tais como a supresión das barreiras arquitectónicas, a mellora da accesibilidade, as minusvalías existentes entre os inquilinos ou a idade media dos mesmos que estaba daquela entre os 60 e 65 anos. “Foron argumentos fundamentais para convencelos” afirma Ardao, para acto seguido agradecer a entrega e axuda prestada polo daquelas concelleiro do goberno local, Francisco Allegue.

“Decíannos que estábamos tolos” lembra Ardao, pero hoxe case todos os bloques de San Valentín teñen ascensor, só falta algún portal. Cando os traballadores e as súas familias chegaron a ocupar o barrio non había nada, por non haber, nin tiñan luz nin auga. Pouco a pouco foron aparecendo servizos como o  economato, a farmacia, tendas, escola, etc para complacer aos 220 domicilios anteriores á construcción das torres. As melloras foron chegando pouco a pouco e, chegados ao día de hoxe, José Manuel Ardao ten unha nova idea que deixa como encomenda para que recollan os mais novos, a instalación de paneis solares nas terrazas dos edificios.

Ardao define San Valentín como un barrio tranquilo, con boas comunicacións, con servizos, aínda que algúns perdéronse. Recoñece que a Reconversión fastidiounos ben, pero conclúe que “San Valentín é un barrio moi bo para vivir”.

(Foto de Maite Martínez)

Sociedade

Publica o teu comentario agora