O Astano F.C.: Un lustro de gloria futbolística en Perlío (1950-1955)

O Astano F.C.: Un lustro de gloria futbolística en Perlío (1950-1955)
07 de Marzo, 2026 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

O equipo de fútbol de Astano estreou o seu campo no lugar de Mundín en Perlío en abril de 1951 cun partido do campionato local de Modestos, no que venceu ao Ánimas por un tanteo de 3-0. A inauguración oficial tivo lugar o domingo 22 de abril cun encontro entre a selección de modestos e o Arsenal, que rematou coa vitoria dos primeiros por 2-1. Daquela, Jesús Martínez Silva presidía a entidade.

ESCOITA O PODCAST:

A filla de Juanito, Luzberta Vázquez compartiu en Radio Fene as súas lembranzas sobre o Astano:

https://redefusion-eu.us.stackstaging.com/audio/050326VAZQUEZ.mp3

Apenas un mes despois, en maio, o campo foi escenario do lado máis lúdico da empresa: os empregados de Astano disputaron un partido humorístico entre os departamentos de Contabilidade (os "Chupatintas") e Delineación (os "Tiralíneas"), cunha valiosa merenda como premio. O prestixio do terreo de xogo era tal que, en agosto de 1951, o Racing de Ferrol utilizouno para adestrar ao non estar dispoñible o campo do Inferniño.

Unha traxectoria meteórica

Aínda que o campo se inaugurou no 51, a andaina do equipo comezara antes. En xuño de 1950, El Correo Gallego anunciaba a vindeira participación do Astano —representando á crecente vila de Fene— en competicións oficiais. O seu debut produciuse en setembro dese ano, vencendo ao Numancia de Ares por 3-2.

Na tempada 1951-52, o Astano competiu no Campionato Galego de Afeccionados. En visitas como a realizada ao Bergantiños en Carballo, o equipo formaba con Manolo, Cao, Picos, Amarelo, Manducho, Humberto, Chacho, Seijas, Cao I, Carinodio e Regueira (tamén xogaban Bolitas, Cubano e Carlocho). O nivel do club reflectíase no seu banco: ficharon como adestrador a Juanito (Juan Vázquez Tenreiro), ex-xogador de Celta, Deportivo e Atlético de Madrid, quen pouco despois marcharía para dirixir o Racing de Ferrol.

O contexto: A era dos bacallaeiros

Este auxe deportivo coincidía co gran crecemento do estaleiro. En 1952, Astano entregou o Santa Cecilia, o primeiro dunha serie de nove bacallaeiros para Pebsa. Con 1.300 toneladas de aceiro, estes buques triplicaban o tamaño das construcións anteriores. Cun cadro de persoal de 1.200 traballadores, a empresa iniciou unha forte modernización, obtendo en 1953 a concesión das marismas, mercando a ostreira e construíndo o dique número un.

O nacemento do Fen-Per e o Círculo de Perlío

Toda aquela época dourada rematou coa desaparición do equipo orixinal. Porén, o espírito futbolístico de Fene seguiu vivo. En abril de 1956 anunciouse a creación do Fen-Per (Fene-Perlío), unha iniciativa dos industriais da zona para encher o baleiro deixado polo Astano.

Anos despois, en xullo de 1964, as reunións para formar a sección deportiva do Círculo de Perlío retomaron aquela nostalxia. O obxectivo era claro: recuperar os "vellos loureiros" daquel Astano famoso ao que ninguén lograba "mollar a orella" e manter viva a herdanza do Fen-Per.

 

 

Na fotografia do equipo de fútbol de Astano, aparecen (de traxe) o adestrador Juan Vázquez Tenreiro. O porteiro era Mario Villaamil Pérez que logo foi xefe de administración financieira de Astano e alcalde de Ferrol en 1991.

 

Deportes

Publica o teu comentario agora