O atletismo empeza a moverse

O clube de atletismo Fene volve á actividade en outubro
14 de Setembro, 2020 - 10:57 h. | Publicada por Radio Fene

Estamos ante un deporte individual, con escaso contacto. Respectando o protocolo non debera haber problemas para volver practicalo con regularidade. O clube de atletismo Fene fomentará facelo ao ar libre.

ESCOITA O PODCAST:

O Atletismo é un deporte individual, de pouco contacto polo que pode practicarse, co protocolo adecuado, sen problema. “O confinamento foi durísimo para os atletas que tiveron que parar. Por iso é moi necesario volver coa actividade” opina o director deportivo do Clube Atletismo Fene, Marcelo Serantes. Os nenos que forman parte da escola municipal de atletismo semella que poderán empezar en outubro. O concello de Fene ten a intención de retomar a actividade cos nenos e nenas que estaban matriculados no mes de marzo, antes da pandemia. Os adultos xa están entrenando. A Federación Galega de Atletismo sacou un protocolo moi estrito pero xa se organizaron algunhas probas.

Os menores federados poderían retomar as competición no mes de outubro. “Non participarán aínda a finais de setembro na competición de Sub 14” afirma Marcelo quen insiste en que o confinamento foi durísimo para eles. “Deron cambios fisiolóxicos moi fortes e necesitan estar activos e socializarse”. Sabe Marcelo Serantes que non se pode asegurar o risco 0 pero ao tratarse dun deporte sen contacto, non debería haber problemas. Ademais o club quere fomentar máis que nunca, porque xa o facía antes, practicar este deporte ao ar libre, nas pistas de Barallobre e no paseo marítimo de San Valentín. O clube Atletismo Fene quere reanudar a actividade no mes de outubro, sempre que o tempo o permita, ao ar libre, con clases os martes e xoves de seis a sete da tarde, no mesmo horario que tiñan antes do confinamento.

En relación cos nenos e nenas, o clube está pendente do programa Xogade, os xogos deportivos galegos que organiza a Secretaría Xeral do Deporte da Xunta de Galicia. Serantes informa que non van competir de momento na Sub 14 aínda que estudarán o caso particular de Aroa González Arteche. En outubro si que pensan participar nalgunhas probas que se suspenderon no mes de marzo. Tamén estudarán como están preparados os sub 12 que quizás poderían acudir a algunha proba curta. Os nenos e nenas do clube Atletismo Fene participan todos en Xogade e a maioría están federados.

Uns 60 adultos practican o atletismo no clube fenés dos que 15 están federados. Soen participar na Volta á ría, o Maratón de Valencia ou nos campionatos galegos de pista cuberta. En xeral participan en carreiras de fondo, en pista, campo a través, maratóns e media maratóns. Os pequenos realizan todo tipo de probas en pista: velocidade, lonxitude, saltos, lanzamentos, combinados e campo a través.

Preguntamos a Marcelo Serantes polas vantaxes deste deporte. Non dubida á hora de defender que permite ás persoas estar activas, desengancharse do sedentarismo e polo tanto favorecer a súa saúde. E non esquece a socialización. “Todas son vantaxes. É un deporte moi adecuado”.

(Na imaxe, carreira de atletismo nas pistas de Barallobre. Febreiro 2019)

Deportes

Publica o teu comentario agora