O Bacallau na nosa vida

O Bacallau na nosa vida
01 de Xullo, 2024 - 04:26 h. | Publicada por Radio Fene

Música, conferencias, gastronomía e unha exposición reviven a historia da industria do bacallau en Ferrol coa celebración das Terceiras Xornadas dedicadas á Pysbe. Esta mañá presentaron as Xornadas e unha páxina web para promover a creación dun Museo da xente do Mar, iniciativas das que informaron en Radio Fene Emilio Romero e José María Couce, Lan.

ESCOITA O PODCAST:

“Ventos de Bacallau. PYSBE. De Ferrol a Terranova”. Por iniciativa da veciñanza de Ferrol Vello e co apoio da Autoridade Portuaria e o Concello, celébranse do venres 5 ao domingo 7 as xornadas que lembran unha empresa que deu moito traballo e favoreceu unha mellora económica para moitas familias de clase humilde, de clase obreira, como lembraba un dos organizadores, José María Couce, Lan.

Os organizadores tamén promoven a creación dun “Museo da xente do mar”, unha iniciativa que pode apoiarse desde a páxina web que presentaron esta mañá. A web ventosdebacallau.gal ofrece información sobre as distintas edicións das xornadas e a través dela tamén se pretende recompilar material e apoios ao proxecto do Museo, explicou en Emilio Romero.

Programa

As xornadas comezarán o venres con dúas charlas. A antropóloga e profesora na Universidade do País Vasco e membro do Museo do Pobo Galego, Rosa Garcia Orellán, falará do tema “Rumbo ao gran Banco de Terranova 1926-2004”. Tamén intervirá, Guillermo Díaz-Agras, xefe da Estación de Bioloxía de A Graña, que tratará sobre a biodiversidade na ría de Ferrol. O sábado, 6 de xullo, comezará a parte gastronómica das xornadas na carpa instalada onde se situaba a frigorífica. Alí celebrarase a partir das 18:00 horas un taller culinario-literario e unha cata-maridaxe. O domingo, 7 de xullo, servirase a comida popular na que se poderán degustar as fabas de cocochas de bacallau e o bacallau con patacas á rioxana. Tamén hai previstas actuacións musicais. As xornadas completaranse cunha exposición que se poderá visitar desde o venres ata o día día 14 na Sala Curuxeiras, que reúne máis dun centenar de fotografías e obxectos persoais relacionados coa factoría.

Sociedade

Publica o teu comentario agora