O BNG censura o que califica de paralise municipal en Fene

O BNG censura o que califica de paralise municipal en Fene

25 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Fene pasou de ser a xoia da coroa a ser a cincenta, afirmaron esta tarde os membros do BNG á hora de valorar a reunión da comisión de seguemento do pacto de goberno municipal. Os nacionalistas censuraron a falla de orzamentos “e que ainda non nos convocaron á primeira reunión para debatelos, cando estamos a rematar o mes de xuño”. A asamblea do Bloque decidirá o luns a continuidade na coalición co PSOE ou o pase á oposición. T

O voceiro municipal Manuel Polo, os edís Inés Roca e Edgar Vigo e o membro do Consello local Andrés González Vizoso, debullaron o que califican como paralise do Concello, salientando a tardanza excesiva en outorgar licencias de obras, acometidas de augas, cobertura de prazas e na entrega de subvencións xa concedidas ás sociedades.

Os nacionalistas censuraron igualmente que o alcalde Iván Puentes se abstivese na moción de Rumbo 21 que pedia a reactivación da antiga Astano, “cando outros alcaldes socialistas como o de Ares ou o de As Pontes sí secundaron esa proposta vital para sair da crise en Ferrolterra”.
A concelleira de Servizos e Mantemento Inés Roca detívose nas consecuencias negativas do retraso na aprobación dos orzamentos. “Temos unha subvención da Deputación concedida para adquisición de maquinaria para a limpeza de camiños, e non se pode mercar cos presupostos prorrogados” afirmou a edil nacionalista.

Pola súa banda, Andrés González Vizoso censurou a falla de cumprimento e de desenvolvemento do Plan Xeral de Ordenación Municipal, criticando igualmente a falla de atención aos cidadáns por parte das áreas socialistas de goberno. “Falla o director da orquesta” concluiu o representante do BNG aludindo ao alcalde. A decisión final arredor do pacto de goberno dependerá das asambleas de militantes do PSOE e do Bloque, ainda que semella dificil unha recondución da situación que permitise a prórroga da coalición nos dous anos que restan de mandato.

Institucional