O BNG de Guitiriz denuncia o aspecto rosáceo da auga da traída en Parga

O BNG de Guitiriz denuncia o aspecto rosáceo da auga da traída en Parga

25 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O mal aspecto que presenta a auga corrente na parroquia de Parga, en Guitiriz, motivou a petición de “explicacións” desde o BNG local, a través do seu responsable, Xosé Lois González Souto, debido a que, segundo a formación nacionalista “comeza a xerarse certa alarma” polo estraño color rosáceo que ten a a auga da traída.

Segundo se afirma desde o BNG de Guitiriz, nos últimos días comprobouse que o líquido procedente de Parga ten unha coloración de tintes rosáceos, que desde esta agrupación sosteñen que son “consecuencia dos produtos empregados na neutralización do verquido de gasóleo acontecido despois dun accidente na autovía”. O suceso tivo lugar hai case dúas semanas e provocou que se filtrasen litros de gasoil ao río Escadebas, unha situación que, en verbas de González Souto “aínda hoxe está pendente de controlarse de xeito definitivo”.

O responsable nacionalista local queixouse dos “constantes problemas no subministro de auga despois de varios días  causando inseguridade, malestar e alarma entre os veciños e veciñas”. Po riso solicitou mais información do goberno municipal.

Por estas razóns, Xosé Lois Souto, reclamou “responsabilidade á Alcaldía á hora de informar exhaustivamente dos problemas que puidesen producir á poboación os produtos empregados na neutralización do verquido, así como aclarar se a auga reúne as condicións de potabilidade mínimas que garantan a súa salubridade e as súas posíbeis consecuencias para electrodomésticos ou outros aparellos domésticos no caso de ser empregada”.

Sociedade