O BNG de Meira critica o sistema de arrendamento do bar do Muíño

O BNG de Meira critica o sistema de arrendamento do bar do Muíño

09 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O grupo municipal do BNG de Meira fixo pública a súa análise sobre as condicións propostas polo goberno municipal e que rexerán o contrato de arrendamento do bar-restaurante do muíño restaurado, situado no Parque da localidade. O partido nacionalista amosouse moi crítico cos criterios seleccionados no prego de condicións xa que, segundo explicou a portavoz do BNG meirego, María Vega, “os dous criterios que máis puntúan

Vega expresou o seu desacordo co sistema de puntuación establecido polo goberno municipal do TEGA e considerou que “a prima dos criterios económicos e a pouca puntuación á experiencia profesional e ao proxecto de explotación podería facer perfectamente posible montar un McDonald's”. Neste sentido, a voceira nacionalista explicou que “a experiencia profesional e o proxecto de explotación só se valora con 10 puntos dun total de 60, co que gañará o concurso aquel empresario que se comprometa a poñer máis diñeiro, sen valorar as potencialidades de xestión”.

A membro do BNG afondou na cuestión e explicou que, dun total de 50 puntos, de xeito directo pódense acadar 40 puntos en base a requisitos unicamente económicos como o de adquirir o compromiso de adiantar a renda durante o período que dure o contrato (10 anos), que valería un máximo de 20 puntos; facer investimentos en mobiliario cun máximo de 10 puntos; e contratar persoas empadroadas en Meira, máximo de 10 puntos (2 puntos por persoa empadroada).

Segundo estas contas, María Vega reafirmouse na súa postura dicindo que “queda claro que priman os intereses económicos por riba de garantir unha boa xestión, que poida ofrecer aos visitantes de Meira e do contorno no que se sitúa o estabelecemento, o parque municipal, unha alternativa de hostalería que ademais de ser rendíbel economicamente sexa tamén un atractivo gastronómico e turístico”.

Pola súa banda, o responsable local do BNG de Meira, Xosé Salgado, preguntouse como é posíble que un dos criterios que puntúa sexa realizar investimentos en mobiliario e por que se necesita este mobiliario “cando a Consellaría de Innovación e Industria da anterior Xunta de Galiza, estando dirixida polo nacionalista Fernando Blanco, outorgou unha subvención de 140.000 euros para equipamento e mobiliario do bar-restaurante do Muíño”.

Ademais, segundo indicou Salgado, “abandónase un proxecto integral de revalorización turística a través dun estabelecemento hostaleiro, como foi considerado nun principio, para montar simplemente un bar-restaurante máis no concello”. O responsable nacionalista incidiu en que “non se reflicte en ningunha parte do prego de condicións que a parte que ocupa o muíño restaurado teña que abrirse ao público, cando se ten comprobado noutros lugares (especialmente en Asturias) como resulta moi útil un sistema de xestión integral no que a xerencia sexa común ao estabelecemento hostaleiro e museográfico ou turístico (o muíño), encargándose os propios adxudicatarios do bar-restaurante da apertura e acceso de visitantes a todas as dependencias”.

Sociedade