O BNG denuncia que Sanidade privatizará os novos centros de saúde de As Nogais e Monterroso

O BNG denuncia que Sanidade privatizará os novos centros de saúde de As Nogais e Monterroso

11 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O BNG, a través da súa portavoz de Sanidade no Parlamento Galego, Ana Luísa Bouza, presentou onte unha iniciativa na que denuncia que a Consellaría de Sanidade optou por entregarlle a empresas privadas a construción dos novos centros de saúde previstos para 2010 e 2011, entre eles os de As Nogais e Monterroso, previstos para este ano.

A deputada lembrou que na memoria da Consellaría de Sanidade dos Orzamentos 2010 “aparece unha previsión de investimentos en atención primaria polo sistema de iniciativa de financiamento privado (PFI)”. En concreto, os fondos privados achegarán á Consellaría de Sanidade 46 millóns de euros en 2010 e máis de 68 millóns en 2011 para a construción das infraestruturas de atención primaria, entre as que están 18 centros de saúde en 2010, entre eles os de As Nogais e Monterroso,  e outros 29 centros de saúde en 2011, así como tres Centros de Alta Resolución.

Porén, Bouza tamén critica a falta de transparencia na comunicación das futuras decisións do SERGAS sobre estes centros, xa que “non especifica a fórmula que se empregará para a construción con fondos privados nin o tipo de xestión posterior”.

“Non é nin máis barato construír un centro de saúde con financiamento privado”

A voceira do BNG advertiu tamén de que “non é máis barato nin máis rápido construír un centro de saúde con financiamento privado”, tal e como defende a Consellaría de Sanidade. Así, denuncia que “ao custo de construción que levaría a cabo unha empresa privada, haberá que sumar os beneficios que reclamará a empresa que financia o centro de saúde, en forma de concesións sen concurso doutros servizos”.

Por outra parte, Ana Luísa Bouza admitiu a súa falta de confianza neste modelo de xestión, xa que “está demostrado que o financiamento privado para a Sanidade fracasou nos países nos que se implantou, como en Gran Bretaña, ou nas comunidades de Madrid e Valencia”.

En concreto, denuncia que “este modelo que escolleu a Consellaría non ten como obxectivo rebaixar os custos, que non o fai, senón modificar quen controla os cartos públicos que pasan a mans privadas e converten a saúde pública nunha mercadoría”.  Bouza considerou o modelo“obsoleto” e que “está en cuestión alí onde se implantou nos anos 90”.

Prazos e condicións dos novos centros de saúde

Ante esta situación, a deputada do BNG solicitou que o Departamento dirixido por Pilar Farjas informe sobre as condicións e os prazos para a licitación destes novos centros de saúde As Nogais e Monterroso.
Por último, Ana Luísa Bouza demanda que a Xunta dea datos sobre os servizos que a Consellaría prevé que non se manterán baixo a xestión pública do SERGAS neste novo centro de saúde que está previsto construír co novo sistema PFI e cal será o modelo de xestión alternativo para estes servizos.

Situación do Centro de Saúde de Sarria

Ademais, o BNG preguntou pola situación na que vai quedar o centro de Saúde de Sarria, coa construción xa iniciada con fondos públicos pero que na Memoria da Consellaría de Sanidade dos Orzamentos de 2010 aparece como de nova construción e con fondos privados.

Sociedade